O pop melódico de David Bustamante, o ‘swing’ de El Combo Dominicano e a música dos 60 de Cristina y los Stop, protagonistas este venres en ‘Luar’

0
57

Santiago, 14.07.2023.-    O programa ‘Luar’ recibe hoxe a visita de David Bustamante, un dos artistas máis carismáticos e queridos do panorama musical español, consagrado como o cantante pop melódico por excelencia, que se atopa nun dos mellores e máis produtivos momentos da súa carreira. Esta noite interpretará algúns dos grandes éxitos dos seus máis de 20 anos de carreira artística, que repasa no seu disco ‘Veinte años y un destino’.

Outras das actuacións deste venres terá como protagonistas os membros de El Combo Dominicano, unha das orquestras con máis éxito da verbena galega e todo un fenómeno de masas, especialmente entre a mocidade, que ofrece todo un espectáculo en cada unha das súas intervencións. O grupo animará a velada co seu ‘swing’ e interpretará unha variada selección de temas.

No escenario estarán tamén Cristina y los Stop, un grupo que tivo moita popularidade a finais da década dos 60 e cuxa música arrastrou multitudes na época e foi moi escoitada na América Latina, con retrousos tan icónicos como ‘tres cosas hai en la vida’, que cantarán este venres en ‘Luar’.

Ademais, o espazo da TVG ofrecerá as actuacións de Pedro Abelardo Rodríguez, autor de ‘Son feliz’, elixida como a canción do verán da CRTVG; da agrupación folk Faíscas da Pontraga; do Grupo Mar Aberto de Foz, da agrupación de baile e música tradicional Traspés e dos Centros Galegos ‘Escolas Abertas’, agrupacións de colectivos da emigración que están estes días formándose en Galicia.

Contra o final do programa, chegará un dos momentos máis agardados de cada temporada de ‘Luar’: as semifinais do concurso ‘Recantos’. Na primeira delas, enfrontaranse esta noite Oliver Insua, procedente da Mariña, e María Barral, representante da comarca Terras da Coruña.

Fuente Crtvg.es