O programa da Radio Galega ‘Pensando en ti’ recibe o Premio Solidario Grupo ONCE Galicia no eido de medios de comunicación

0
30

Santiago, 22.08.2023.- O programa ‘Pensando en ti’, da Radio Galega recibe o Premio Solidario Grupo Social ONCE Galicia 2023, na categoría de Medios de Comunicación. Xunto co espazo que conduce Marcial Mouzo, recollerán o galardón o vindeiro 5 de outubro nunha gala no Teatro Colón da Coruña, a Fundación María José Jove, a xornalista galega Cristina Saavedra, Estrella Galicia e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

O presentador de ‘Pensando en ti’, Marcial Mouzo, amosou a súa satisfacción co premio, dado que supón un “recoñecemento ao traballo de servizo público e social que facemos desde que se fundou o programa, loitando cada día contra a soidade”. Tamén indicou que é un premio compartido entre “o equipo do programa, os oíntes que o fan posible e a propia Radio Galega, que apostou sempre polo proxecto”. 

Os Premios Solidarios Grupo Social ONCE Galicia 2023 son a máxima distinción que entrega a Fundación Once a nivel autonómico, para distinguir persoas, empresas, entidades, organismos públicos e proxectos de comunicación que desenvolvesen un labor solidario coincidente cos valores da cultura institucional de Grupo ONCE. 

No apartado de  Programa, artigo ou proxecto de comunicación, a entidade valorou o espazo ‘Pensando en ti’, que a Radio Galega emite diariamente de madrugada, entre outras cuestións, por ofrecer os oíntes un lugar de intercambio de experiencias cun “ton calmado, pausado, distendido”. “Os oíntes comparten as súas experiencias e problemas persoais, contribuíndo a tecer unha rede de radiooíntes que se converteu nunha gran comunidade de amigos, cuxo punto en común é o dial de la radio”, explicaron desde a entidade, engadindo que: “Co paso dos anos, son unha gran familia, plenamente libre á hora de expresarse, converténdose, ao tempo, nun formidable bálsamo contra a soidade”.

O xurado dos galardóns do Grupo Social ONCE estivo formado por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Manuel Martínez Pan, delegado da ONCE en Galicia; Cristina Arias Serna, conselleira Xeral da ONCE; Arturo Parrado Puente, director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia; Iker Sertucha, vicepresidente de CERMI-Galicia; Marcos Gómez Paz, secretario autonómico de Cruz Roja, e Carlos Varela Castiñeiras, periodista do Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Fuente Crtvg.es