O proxecto #DígochoEu da TVG chega a 100.000 seguidores en TikTok

0
24

Santiago, 27.04.2021.-  O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu acadou este mes de abril os 100.000 seguidores en TikTok, onde superou tamén os 15 millóns de visualizacións. Nesta rede social a xornalista Esther Estévez recolle as diferentes cuestións dos espectadores sobre o uso correcto do galego, así como outros contidos extra.

Estes datos certifican este proxecto da CRTVG como o de máis repercusión entre a mocidade de cantos se fixeron en Galicia para espallar o galego entre a xente nova  desde o Xabarín Club. A aposta pola contorna dixital para chegar aos novos públicos nas súas plataformas de consumo actuais e pola mestura de entretemento e formación en galego consolídase, e a CRTVG xa é a canle autonómica máis seguida en TikTok, e con contidos educativos. 

Dirixido polo xornalista Carlos F. Amado e con Rocío Pérez como asesora lingüista, o  #DígochoEu invita a falar mellor a nosa lingua a través de vídeos en que se  propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. O proxecto naceu dentro da web dos servizos informativos, onde enseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana.

#DígochoEu foi galardoado ademais co Premio Paraugas de Comunicación 2020 e co Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua pola súa comunicación e impacto. 

Actualmente pode verse na web crtvg.gal en g24.gal, así como nas contas de Instagram (g24noticias), Twitter (g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG. 

Estratexia continua

A CRTVG segue traballando noutros proxectos arredor do #DígochoEu para promover a lingua galega entre a audiencia máis nova, como o desenvolvemento de accións en Twitch a partir do vindeiro mes de maio. Unha das primeiras actuacións estará relacionada co Día das Letras Galegas. A CRTVG, sumándose ás reivindicacións da comunidade galega de Twitch, enviou unha carta á dirección Twitch España para que tanto o live stream como a interface estean dispoñibles en galego.

Fuente Crtvg.es