Oito canles dixitais, ademais da TVG e da Radio Galega, deron cobertura á xornada de fútbol do domingo

0
69

Santiago, 29.03.2020.- Preto de 164.000 afeccionados seguiron este domingo na CRTVG o desenlace da primeira fase de Segunda División B de fútbol nun despregamento técnico sen precedentes e sen comparación con ningunha outra canle nacional. Por primeira vez, á marxe da emisión por TDT, a CRTVG puxo a disposición da audiencia ata 8 canles dixitais para dar acceso a toda a xornada.

O especial ‘A Liga das Cidades’ foi emitido esta fin de semana pola primeira canle e acadou un 16.3% de share, e máis de 64.000 espectadores. O espazo dedicou todo o seu tempo a un ‘Carrusel 2ª B’ emitindo de forma íntegra e simultánea tres partidos dos que máis influían na xornada: o Coruxo F. C.-R. C. Celta B, o  R. C. Deportivo da Coruña- Zamora C. F., e o que enfrontou á S.D. Compostela co Salamanca C. F. UDS, ademais de atender aos enfrontamentos entre Unionistas-Rácing de Ferrrol e Guijuelo-Pontevedra.

Os afeccionados galegos elixiron tamén as canles dixitais dos medios públicos para seguir esta relevante xornada. Ás 77.000 visitas no portal crtvg.gal, sumáronse 18.000 en 3 canles de YouTube, e outros 4.000 usuarios na web da Radio Galega.

En total, a CRTVG puxo en marcha oito canles dixitais (3 YouTube + 4 canles web + web Radio Galega), ademais das súas canles de televisión TDT e da emisión da Radio Galega, para ofrecer a mellor cobertura posible desta xornada.

Ademais, o ‘Galicia en goles’ da RG tivo unha duración próxima ás doce horas. Desde as 11.30 h, a Radio Galega despregou un amplo equipo para cubrir estes partidos. Despois, ás 14 h. o Lugo-Sabadell, da Segunda División A, ocupou a faixa da sobremesa. E a partir das 17 h. o interese pasou á Terceira Galega. Máis tarde, ás 19 h. o balonmán tomou o protagonismo, e a partir das oito e media, adestradores e xornalistas debateron no habitual ‘Faladoiro’.

Fuente Crtvg.es