Os Gemeliers, a cantante cubana Lucrecia e as pandeireteiras de Leilía actúan esta noite de Reis no ‘Luar’

0
31

Santiago, 05.01.2023.-     A Televisión de Galicia convida hoxe os seus espectadores a pasar a noite de Reis na compaña de Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, nunha nova edición de ‘Luar’, que recibirá nesta ocasión a visita dos Gemeliers, o dúo formado polos irmáns sevillanos Jesús e Daniel. Afeitos ao éxito desde que eran nenos, na súa traxectoria profesional atesouran catro álbums número 1 en España e varios discos de platino. Despois dunha parada voluntaria, regresan aos escenarios como compositores do seu novo material, que interpretarán no escenario do programa.

O espazo da TVG tamén contará coa presenza da artista cubana, asentada en Barcelona, Lucrecia, unha das voces latinas por excelencia en Europa e Latinoamérica, un exemplo de vitalidade e de ledicia en cada unha das súas actuacións.

Tamén están convidadas a esta velada musical as pandeireteiras de Leilía, popular grupo galego de seis voces femininas que cantan e tocan música tradicional coa pandeireta e que leva máis de 30 anos recuperando do esquecemento a tradición oral galega.

Ademais, ‘Luar’ ofrecerá este venres as actuacións do gaiteiro, docente e investigador Suso Ascariz, que interpretará sobre o escenario ‘Cantos de Reis’; a orquestra Olympus; a Banda de Música de Guláns, unha das máis antigas de Galicia; a Escola do O. C. T. Ultreia e a veterana banda portuguesa Trabalhadores do Comercio.

Finalmente, na primeira entrega do ano do concurso de talentos ‘Recantos’, chegará a quenda de Nerea Cobas e Paula Meda, representantes das comarcas Terras de Lugo e Terras de Pontevedra, respectivamente.

Fuente Crtvg.es