Primeira semifinal da Copa da Raíña de Fútbol Sala o sábado na CRTVG, co Alcorcón-Pescados Rubén Burela

0
14

Santiago, 28.04.2023.-   Nesta fin de semana de ponte, os medios públicos galegos ofrecerán fútbol, baloncesto, motocrós, balonmán, ciclismo e mesmo deportes tradicionais como billarda e chave. Unha xornada completa para os apaixonados do deporte, que comezará o sábado ás 13:30 h coa primeira semifinal da Copa da Raíña de fútbol sala, en que se enfrontan Alcorcón F. S. F. e Pescados Rubén Burela. Poderá seguirse tanto na G2 coma na web da CRTVG. Na tarde do sábado, tocará deporte tradicional galego, coas finais da Supercopa de Billarda e de Chave, a partir das 16:30 h, que tamén retransmitirán ambas canles.

No eido do fútbol, a xornada arrancará co encontro da 2ª RFEF C.D. Lugo B Polvorín-Bergantiños C.F., desde as 17:00 h en crtvg.gal, mentres que, ás 18:50 h, retransmitirase o Rácing de Ferrol-R.B. Linense da 1ª RFEF, tanto na web coma na G2. O equipo que dirixe Cristóbal Parralo, cun partido menos logo do aprazamento do compromiso co Córdoba, que se xogará o 3 de maio, buscará unha vitoria para achegarse aos postos de ascenso directo. E, continuando con este deporte, desde as 19:00 h disputarase o Ourense C. F.-C.D. Palencia Cristo Atlético, da 2ª RFEF, que poderá seguirse na web dos medios públicos.

Os afeccionados ao baloncesto, pola súa banda, poderán gozar do Valencia-Obradoiro desde as 20:15 h, na web dos medios públicos.
    
A xornada do domingo tamén arrancará con fútbol, desde as 12:00 h, tanto na G2 coma en crtvg.gal. Na 2ª RFEF, a S. D. Compostela recibe no Vero Boquete o Laredo, mentres que ás 17:00 h se disputa o Pontevedra C. F.-U.D. S.S. de los Reyes, da 1ª RFEF. E, unha hora despois, ás 18:00 h, xogan Coruxo e Oviedo Vetusta, de novo, na 2ª RFEF. Este último encontro retransmitirase na web.

Doutra banda, o domingo tamén se emitirá motocrós. Desde as 15:00 h poderase seguir na G2 en directo o Campionato do Mundo, coa 1ª manga do MXGP de Portugal. Ás 18:00 h, a 2ª manga poderase ver en directo pola web e, en diferido, na G2 desde as 19:00 h. O galego Jorge Prado chega como líder ao circuíto de Águeda, en que gañou o pasado ano a mesma proba.

Na Liga ACB de baloncesto, ás 19:30 h enfrontaranse Baskonia e Breogán, encontro que emitirá o portal dos medios públicos. E, unha hora despois, ás 20:00 h, a CRTVG emitirá, tanto neste soporte coma na G2, balonmán, co partido de ida da final da EHF European Cup, entre o Mecalia Atlético Guardés e o Antalya Konyaalti B.S.K.

O mellor resumo dos encontros deportivos fa fin de semana chegará da man dos programas ‘A Xornada’ e ‘En Xogo’. O primeiro poderá seguirse o sábado desde as 23:00 h; o segundo, o domingo, ás 22:20 h.

Así mesmo, a xornada deportiva alongarase ata o luns festivo, en que os espectadores da G2 poderán ver, a partir das 18:00 h, a primeira eliminatoria do play-off de ascenso da 3ª RFEF, que enfrontará a U. D. Ourense e o Arousa. Ademais, poderán seguir o ciclismo, coa Volta Ciclista a España feminina, que arranca o día 1 e se prolonga ata o 7 de maio, que se retransmitirá de xeito íntegro nos dous soportes dos medios públicos galegos, web e G2.

Fuente Crtvg.es