Sete novos proxectos cinematográficos contarán coa participación da CRTVG, dentro das accións de apoio ao audiovisual galego

0
5

Santiago, 30.07.2020.-    A CRTVG acordou este xoves a súa participación nun total de sete novos proxectos cinematográficos -dúas longametraxes, unha serie infantil de animación e catro películas documentais- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Avaliación de proxectos da TVG, determinouse a participación da Corporación nesta selección de sete proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Apoiar a creación no eido audiovisual e favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade son algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección.
    
A CRTVG vai apoiar a longametraxe ‘Proxecto Emperador’, producida por Vaca Films e baixo a dirección de Jorge Coira, un ambicioso thriller cunha forte carga emocional e escrita co inconfundible estilo dun dos máis importantes guionistas do cine español, Jorge Guerricaechevarría (‘Cela 211’). A película conta cun sólido plan financeiro onde Netflix garante a dimensión internacional da película, á parte de contar cun potente plan de lanzamento cinematográfico.

Tamén foi seleccionada a película de animación ‘O meu avó’, de Caretos Film A.I.E, un proxecto stop motion realizado en coprodución con Portugal e Francia e para o cal máis de doce profesionais se afanaron en construír os monecos e elementos de atrezzo que se utilizarán na rodaxe. A película é un canto entrañable ao campo e ao pasado, á familia e ao lugar que ocupamos nun mundo tan cambiante.

 Ademais, a Corporación seleccionou unha proposta para o público infantil, a serie de animación ‘Trokers’, de 26 episodios e presentada por A Fonsagrada Producións. En clave de comedia, esta serie presenta un gran desafío para a especie humana: colonizar Marte cos trokers, robots autopropulsados e multiferramenta que foron creados para acondicionar o planeta vermello e posibilitar a futura colonización.

E no apartado documental, a Galega acordou participar en catro novas producións, todas elas longametraxes:

Luz Fandiño, a poeta analfabeta’, unha proposta de Cósmica Producións, dirixida por Sonia Méndez, que ofrece un retrato desta muller, apoiándose nunha estrutura poliédrica que transitará entre a memoria histórica, a identidade cultural, a loita revolucionaria, a supervivencia e o refuxio da arte.

Obra e loita’, unha longametraxe documental de Primerbeat Producción, dirixida por Pablo Aldrey, que achegará a historia dun club modesto que conseguiu sobrevivir a base de traballo e de moita paixón. O proxecto ten ambición universal e parte de referencias documentais de grande éxito como a serie ‘30 for 30’, da canle ESPN, ou ‘OJ made in America’, gañador do Óscar da Academia do Cinema Americano, que se caracterizan pola súa clara compoñente humana.

A terceira longametraxe documental é ‘Os Botiforas’, produción de Casa de Tolos, un traballo musical e antropolóxico da man do investigador Xavier Blanco. Mediante a recreación de situacións cotiás de tempos pretéritos no rural de Galicia, a película revivirá aspectos como o ciclo anual de traballos agrícolas e o momento lúdico posterior a rematar estas tarefas.

Completa esta selección ‘A maraxe’, longametraxe documental dirixida por Pablo Chouza que bebe de referencias visuais como os documentais de Stacy Peralta, ‘Dogtown’ and ‘Z-Boys’ (2001). Xira arredor da paixón polo remo, paixón que lle deu a forza e o impulso necesario ao club de remo de Cabo de Cruz para inscribilo nas portadas da elite do remo en España.

Fuente Crtvg.es