Televisión de Galicia, primeira televisión pública que retransmite en directo mediante o 5G de Telefónica

0
3

Santiago/Madrid, 23.07.2021.- Televisión de Galicia (CRTVG) converteuse hoxe na primeira canle pública española en levar a cabo unha retransmisión en directo mediante tecnoloxía 5G coa conectividade proporcionada por Telefónica.  

Este fito tecnolóxico tivo lugar este venres mediante a retransmisión en directo para o `Telexornal mediodía´ de TVG desde o Monte do Gozo, na que se entrevistaron varios peregrinos co gallo da súa chegada a Compostela coincidindo coa celebración esta fin de semana do día de Santiago Apóstolo. Para isto, Telefónica conectou con tecnoloxía 5G unha cámara de TVG, a través dunha mochila con codificación de vídeo H.265 de Mobile Viewpoint B.V equipada con módems 5G que permite retransmitir en directo con alta calidade e baixo retardo. Para esta retransmisión, CRTVG e Telefónica traballaron conxuntamente durante un ano realizando probas nas que se levaron ao límite os dispositivos coas novas capacidades da rede 5G, o que permitiu, por exemplo, reducir os retardos ata 0,8 s (un 25% menos da latencia habitual en directos). 

Esta acción piloto 5G enmárcase dentro dos proxectos do Nodo de Cooperación 5G impulsado pola Xunta de Galicia a través de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), para situar Galicia como comunidade autónoma de referencia no desenvolvemento das tecnoloxías de ultrabanda ancha móbil. 

Tal e como destaca Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica España, “o 5G supón un cambio revolucionario nas retransmisións en directo dos medios de comunicación, ao convertelas en máis eficientes e flexibles. De feito, os medios de comunicación son un dos sectores que maiores beneficios obterá coa chegada do 5G xunto coa industria e o coche conectado”.

Pola súa parte, Sara González, directora da Área de Soporte Tecnolóxico e Medios da CRTVG, salienta que “a aposta pola innovación da Corporación Radio e Televisión de Galicia concrétase en proxectos coma este, coa exploración de novas tecnoloxías que poidan ser de aplicación para mellorar as nosas emisións e retransmisións en directo, mediante a colaboración con empresas e institucións tecnolóxicas. A CRTVG foi das primeiras canles en España en implantar a tecnoloxía 4G para as transmisións en directo. O 5G, entre outras vantaxes, permitirá incrementar a fiabilidade das retransmisións, aumentar a calidade da imaxe transmitida grazas ao seu gran ancho de banda e reducir os retardos”. 

A iniciativa contou tamén coa colaboración de Nokia como subministrador da infraestrutura de radio 5G na rede de Telefónica, mentres que a mochila 5G do fabricante holandés Mobile Viewpoint B.V foi subministrada polo seu distribuidor en España Ges-IT S.L.

Con este caso de uso amósase o potencial do 5G para os medios de comunicación. Así, o grande ancho de banda, a baixa latencia e a estabilidade que proporciona o 5G permite mellorar a naturalidade das entrevistas en directo cunha resposta da persoa entrevistada inmediata e emisións de vídeo con calidade HD á máxima velocidade permitida pola mochila, que incluso con movementos da cámara mantén a estabilidade do sinal e a calidade de vídeo recibido na realización da Televisión de Galicia. Ademais, facilita a transmisión de varios sinais simultáneos a través da mesma mochila.

Durante os derradeiros catro anos, a CRTVG completou un proceso de dixitalización e apertura multicanle, de aposta pola innovación tecnolóxica e mellora de procesos, así como, no que respecta aos contidos, pola exploración de novas linguaxes e plataformas. Ademais da dixitalización dos procesos de produción e de arquivo, TVG é a única televisión de España -con máis dunha canle- en ofrecer todo o seu contido en HD, e a primeira autonómica en lanzar unha canal integramente por YouTube.

Telefónica amosa un compromiso constante con Galicia no eido do 5G, cuxo despregue comercial iniciou en setembro do ano pasado en toda a comunidade autónoma. Participa no Nodo de Cooperación con dous proxectos máis e desenvolve en Galicia 8 casos de uso no marco do proxecto “Piloto 5G en Galicia”, impulsado polo de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través de Red.es. 

Fuente Crtvg.es