‘Vive Galicia’, de Noelia Solleiro, elixida canción do verán da CRTVG

0
45

Santiago, 24.06.2021.-    ‘Vive Galicia’ é a canción do verán 2021 da CRTVG. A viguesa Noelia Solleiro fíxose coa quinta edición do concurso Este verán canta con nós, resolto hoxe en Santiago, e o seu tema formará parte da banda sonora da Televisión de Galicia durante os meses de estío. A pegadiza canción, que xa pode escoitarse na web da CRTVG, foi premiada con 1.000 euros e terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega, así como nas súas redes sociais.

A canción gañadora competiu con outras 15 propostas e convenceu o xurado pola súa gran produción musical e por transmitir o que pretende achegar a TVG coa súa programación para os vindeiros meses: moita ledicia e un verán cheo das cousas boas e marabillosas que merecemos despois dunha época tan difícil. E todo isto, en Galicia e en galego.

Noelia Solleiro, actual cantante da orquestra Capitol, sentiu desde moi pequena a chamada da música e a partir dos 11 anos xa comezou a participar en varios concursos e festivais. En 2008 concursou no programa da TVG ‘Son de Estrelas’, onde quedou segunda finalista. No ano 2009 decidiu probar sorte no mundo das orquestras e desde entón pasou polas formacións Cinema, Marbella, Israel, Solara e Pontevedra, entre outras.

O xurado de Este verán canta con nós estivo composto polo director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao; a xefa de Contidos da TVG, Montse Besada; o actor e cantante Christian Escuredo; e a actriz Lucía Veiga, unha das presentadoras do ‘Malicia Noticias’. Todos eles coincidiron na calidade das cancións que se presentaron ao concurso e no difícil que foi decidirse por unha delas, polo que elaboraron un top 5 encabezado pola canción gañadora e en que figuran ‘Morro por verte bailar’, de Miguel Ángel Túñez; ‘Xa chegou o verán’, de Pablo Manuel e Carmelo Abollo; ‘Cheiro a salitre’, de O Arco da Barraca, e ‘Un problema menos’, de Miguel Silva.

A canción ‘Vive Galicia’ sucede a ‘A maxia está en ti’, de Rocío Varela, tema gañador do certame do ano pasado, cando convenceu o xurado pola ledicia e mensaxe positiva que transmitía no primeiro verán de pandemia. En anteriores edicións, a vitoria foi para ‘Que nos pille rebolando’, de Aquele-e (2019) e as cancións de Plan SiberiaChegou o momento’ (2018) e ‘Xunto a ti’ (2017). A CRTVG desenvolve este concurso, así como o que tamén se convoca en Nadal, co obxectivo de apoiar a música en galego e de descubrir novos talentos.

Fuente Crtvg.es