Volve á TVG ‘A miña familia pola túa’, o divertido programa en que dúas nais intercambian a súa vida unha semana

0
16

Santiago, 03.03.2021.-   Este mércores comeza na TVG a segunda temporada de ‘A miña familia pola túa’ (22.20 h), o divertido espazo en que dúas nais, de familias con estilos de vida radicalmente opostos, intercambiarán o seu fogar durante unha semana de convivencia. O programa desvelará  os conflitos xurdidos pola convivencia nesa situación tan excepcional.

Nos primeiros días, a nai que chega ao seu novo fogar terá que coñecer e adaptarse ás normas polas que se rexe a familia que vive alí, para máis tarde impoñer a súas propias regras en función dos aspectos que non lle gustasen. Ao final da semana, as dúas familias enfrontaranse nun acareo para expoñer as súas diferenzas no seu modo de organizar a vivenda e os seus hábitos familiares. Aprenderán algo os uns dos outros? Levarán un bo recordo da experiencia? Ou as loitas farán irremediable a situación?

No programa desta noite, intercambiarán as súas vidas unha familia defensora dos costumes e outra das tendencias actuais. Marisa, nai xubilada de Cordeiro, é unha muller do país, das de toda a vida. Traballadora, ama de casa e virtuosa do punto de cruz. No chan do seu fogar pódese ver un reflectido e, como en todo bo salón galego, os tapetes feitos á man acompañan o sofá. A familia ocúpase da horta e crían galiñas e capóns que despois reparten cos fillos en datas especiais. A cociña e a lavadora son cousa dela e aínda ten tempo para lle botar unha man ao home cos choios que día a día son precisos para ter todo o seu impecable. Será quen de aceptar unha vida sen horarios e orde? Conseguirá inculcar o seu sentidiño entre a xente nova? Superará o reto que aceptou?

Pola súa parte, Arantxa é unha rapaza moderna de Vigo, seguidora das tendencias actuais. Vive co seu mozo e o deporte é o seu obxectivo común, xa que el gañou varios títulos de primeiro nivel. Ambos os dous comparten un bungalow, que só é un lugar de paso, xa que o mundo se reduce a un ximnasio a medio construír que el rexenta. Aínda que ela, seguidora do feng shui, trata de levar orde e boas enerxías ao espazo que comparten, polo de agora o amor vai por riba das disciplinas orientais. Será quen de levar consigo toda a harmonía china que coñece? Poderá mudar as tradicións herdadas ao longo de xeracións? Que ocorrerá cando estas dúas mulleres impoñan as súas propias normas? Adaptaranse as familias a vivir baixo unhas regras totalmente contrarias ás súas?

Esta edición de ‘A miña familia pola túa’ será unha homenaxe, compartida coa familia, a Suso, o home de Marisa, falecido recentemente.

Fuente Crtvg.es