A actriz e presentadora Lucía Veiga será a madriña da edición deste domingo de ‘Xente Marabillosa’, dedicada a visibilizar a gordofobia

0
6

Santiago, 14.05.2023.-    ‘Xente Marabillosa’ volve este domingo á noite á Televisión de Galicia  para abordar unha problemática que xerará debate na casa: a gordofobia. Os espectadores verán dúas cámaras ocultas realizadas nunha tenda de roupa onde unha rapaza é humillada polas súas amigas mentres se proba un vestido para unha festa.

A activista contra a gordofobia Alba Cobo exercerá de actriz por un día para amosar, nunha desas cámaras ocultas, a discriminación que sufriu durante anos e contra a que agora conciencia a través das redes. O anónimo ‘marabilloso’ desta semana será Toni, que respondeu con moita comprensión e empatía cara a Alba, aconsellándolle indiferenza ante os comentarios das supostas amigas. Cal é a historia que ten detrás este vigués?

Lucía Veiga será a madriña desta nova entrega de ‘Xente Marabillosa’. Como reaccionará a actriz e presentadora do ‘Malicia Noticias’ ante esa recreación dunha situación baseada en feitos reais?

A presentadora do programa da TVG, Lucía Rodríguez, recibirá no estudio a Lucía e Toni para falar da súa experiencia como ‘vítimas’ das cámaras ocultas, pero tamén para rememorar momentos importantes da súa propia vida. O que non saben é que o decorado de ‘Xente Marabillosa’ vai ser testemuña dun montón de sorpresas para eles. A emoción tamén estará asegurada coa música da cantante Najla Shami, que interpretará dous temas.

Fuente Crtvg.es