A artista sevillana Tamara e a banda galega de rock Astarot, presentes esta noite no escenario de ‘Bamboleo’

0
6

Santiago, 02.09.2023.-     ‘Bamboleo’, o espazo de entretemento dos sábados pola noite na TVG, regresa esta noite con Xosé Manuel Piñeiro e Lucía Regueiro á fronte. Os dous presentadores contarán coa visita dunha artista sevillana cunha voz prodixiosa: Tamara. Polo escenario do ‘Bamboleo’ tamén pasarán o grupo Astarot e a orquestra Los Players, que farán un espectáculo inigualable.

Tamara iniciou a súa carreira musical hai máis de 20 anos, cando publicou o seu primeiro disco, sendo aínda unha adolescente. Conseguiu 22 discos de platino, 6 discos de ouro e 2 discos de diamante e esta noite visita o espazo da TVG para compartir os seus últimos sinxelos e grandes éxitos coñecidos por todos.

Esta gran noite de festa contará tamén coa presenza da banda de rock Astarot, que leva 40 anos nos escenarios e que chega co álbum titulado ‘Baixo a luz de Breogán’, en que lles renden homenaxe a escritores como Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca, Xela Arias ou Rosalía de Castro e adiantan que xa están preparando un traballo novo.

Ademais, unha das orquestras míticas da verbena galega, Los Players, trae hoxe os seus ritmos ao estudio do programa. Os protagonistas dos bailes van ser ‘Os príncipes da bachata’, Alfredo e Andrea, que traerán dúas fantásticas exhibicións de baile.

En ‘A Jrileira’ xogarán as Comisións de Festas de Sande, na Capela; Virxe do Carme, de Catasós, en Lalín; Laraxe, en Cabanas, e O Freixo, en Outes. As dúas comisións gañadoras da primeira proba do concurso cantarán o tema ‘No soy un bastritboy’, de Juanshows, e terán que adiviñar o maior número posible de intérpretes en minuto e medio. A comisión que máis puntos faga levará un fantástico premio.

Na ‘ITV do Amor’, un concursante do público terá que adiviñar quen é a parella de Claudia entre os tres posibles candidatos, que se medirán ás comprometidas preguntas da proba máis picante do programa.

Fuente Crtvg.es