A batalla definitiva das festas de San Miguel que se celebraron estes días por toda Galicia, esta noite, no ‘Vaia Troula’

0
58

Santiago, 04.10.2023.-     Este mércores pola noite, o ‘Vaia Troula’ ofrecerá a batalla definitiva das festas de San Miguel que se celebraron por toda Galicia nos últimos días. A mestra de cerimonias, Noelia Rey, irá ás Festas de San Miguel de Ponteareas para pasar unha xornada inesquecible coa música da Banda Unión de Guláns, a emotiva procesión e a espectacular tirada de globos.

Pola súa parte, a reporteira Noelia Salgado defenderá a Festa de San Miguel de Marín. Neste concello celebran a tradicional Danza das Espadas, pero, ademais, tamén saben pasalo en grande co seu orixinal ‘San Migheleiro’, en que todos saen á rúa para cantar e bailar cunha chea de charangas.
    
Adela Bértolo estará na parroquia da Torre, en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de ser unha máis na súa Festa de San Miguel, que, nesta ocasión, estará coroada por unha gran verbena da orquestra Los Satélites.
    
E, finalmente, Amanda Fernández será a principal valedora da Romaría de San Miguel de Frades. O máis salientable nesta troula de toda a vida é a comida campestre que xunta os veciños da contorna.
    
Cal destas festas de San Miguel será a mellor? Que premios levarán? Iso hase saber ao final do programa coa entrega dos galardóns trouleiros.
    
E para completar o menú do programa desta semana, as cámaras do ‘Vaia Troula’ tamén estarán presentes na Romaría de San Campio de Outes, na Festa de San Breixo do concello de Barro, nas Festas de Ferrol e na Exaltación do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa. E, coma sempre, todo o espectáculo virá acompañado da música das mellores charangas, gaiteiros e orquestras de Galicia.

Fuente Crtvg.es