A cantante Ainhoa Arteta, unha das sopranos máis recoñecidas do mundo, visita este venres o programa ‘Luar’

0
40

Santiago, 03.11.2023.-   O programa ‘Luar’ recibirá esta noite unha visita moi especial, a de Ainhoa Arteta, unha das sopranos máis recoñecidas do mundo e unha embaixadora da música española no escenario internacional. Ao longo da súa carreira, recibiu numerosos premios e recoñecementos pola súa contribución á música e cantou nos mellores teatros do mundo. Hoxe pisa o escenario de ‘Luar’ para deleite do público e dos espectadores, que poderán gozar da súa poderosa voz, cargada de emoción e intensidade.

O espazo da TVG tamén contará este venres coa actuación do cantautor, cantante e compositor Xil Ríos, considerado unha lenda viva da cultura galega. Responsable de numerosos éxitos populares, no seu repertorio figuran algunhas das cancións máis emblemáticas da música galega contemporánea. Ademais dos seus grandes éxitos, o artista moañés tamén interpretará hoxe algúns dos seus temas máis recentes, como é o caso de ‘Engaiolar’.

Ademais, o mozo malagueño Adrián Martín, que cativou a audiencia co seu talento e coa súa historia de superación persoal, regresa esta noite a ‘Luar’. Con só 9 anos, fíxose viral cantando coa súa irmá a canción ‘Qué bonito’. Desde entón foi medrando como cantante e cumprindo o seu soño de dedicarse á música. Agora, xa feita a maioría de idade, visita ‘Luar’ para presentar o seu novo sinxelo, titulado ‘París’.

O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez contará tamén coas actuacións da agrupación Airiños Mar de Teis, do grupo Raiola da Asociación Mestre Manuel Gacio, da orquestra Marbella e das pandeireteiras Latriqueiras.

Ademais, como cada semana, ‘Luar’ ofrecerá unha nova entrega do concurso de talentos ‘Recantos’, en que participarán hoxe Bea Rey, representante da comarca Terras de Compostela e Noel Vigo, procedente de Ourense norte.

Fuente Crtvg.es