A cantante Edurne presenta esta noite en ‘Luar’ os novos temas de ‘Catarsis Deluxe’, a reedición do seu último disco

0
14

Santiago, 28.01.2022.-   O programa ‘Luar’ (22:00 h) recibirá este venres a visita de Edurne, unha das cantantes españolas máis queridas, que regresa á actualidade musical con ‘Catarsis Deluxe’, unha reedición do seu último disco, que inclúe seis cancións novas e co que quere pechar un ciclo que quedou pendente no medio da pandemia e do confinamento. Coa súa vibrante, clara e elegante voz, interpretará os novos sinxelos deste traballo: ‘Amores dormidos’ e ‘Boomerang’.

Tamén estarán esta noite no escenario Los Manolos, dez amigos barceloneses que levan xa máis de 30 anos facendo rumba catalá, pero con instrumentos e actitude rockeira. Os espectadores da TVG poderán gozar cos seus grandes éxitos, como ‘Amigos para siempre’ e ‘All my loving’.

Ademais, o espazo presentando por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández contará coa presenza de Juancho El Charro, cantante, autor e produtor que abarca xéneros coma o marichi, o country, o pop latino, os boleros, o jazz e a balada romántica. En ‘Luar’ presentará as cancións dos seu último traballo, ‘El águila negra’, en que fai un percorrido por algúns dos temas máis populares da música mexicana.

O programa tamén ofrecerá as actuacións da Banda de Música de Ortigueira e da agrupación folclórica Asubíos da Chaira. No que respecta ás intervencións humorísticas, o público gozará coas divertidas propostas dos dúos Campos e Crespo e Brandariz e Rei.

No certame ‘Recantos’, competirán hoxe Dan Ale, procedente da Mariña, e Diego Méndez, representante da comarca da Arousa. Finalmente, neste programa dedicado á comarca coruñesa de Ortegal, o concurso telefónico do programa porá en xogo un bote acumulado de 5.500 euros.

Fuente Crtvg.es