A cantante Tamara, o grupo De Vacas e a artista cómica A Terremoto de Alcorcón porán a música no ‘Luar’ deste venres

0
19

Santiago, 04.11.2022.-     Tamara, familiar de grandes artistas como o cantador de flamenco Rafael Farina e a bailadora Fernanda Romero, encabeza esta semana o elenco artístico de ‘Luar’. A cantante melódica, especialmente coñecida polas súas aplaudidas interpretacións de boleros, interpretará ao longo do programa algúns dos seus éxitos máis recentes.

O espazo da TVG tamén recibirá a visita do grupo De Vacas, formado por Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, acompañadas por Guillermo Fernández á guitarra, que destaca por facer versións de cancións populares adaptadas ao galego e sempre cunha nota de humor. Este cuarteto ofrece ironía, frescura e creatividade a raudais e atrévese con case todo, transformando grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia.

Ademais, estará hoxe no escenario a actriz e cantante cómica Pepa Charro, coñecida como A Terremoto de Alcorcón, que non parou desde que, hai xa máis dunha década, o vídeo da versión de Madonna ‘Time goes by con Loli’ se fixese viral.
    
O cartel musical deste venres complétase coas actuacións de Los Coleguitas, orquestra formada por seis músicos e vocalistas venezolanos que se converteron no grupo revelación deste ano; a Tuna de Veteranos da Coruña e a agrupación Armadanzas de Laraño. Ademais, ‘Luar’ ofrecerá o humor de Campos e Crespo e a maxia do ilusionista ferrolán Martín Varela, que presentará o seu espectáculo ‘Inventio’, unha mestura de danza, circo, maxia e música.

Finalmente, no tempo do concurso ‘Recantos’, hoxe será a quenda de Izar Rodríguez, procedente do Bierzo, e de Sarai López, representante da comarca Terras de Lugo.

Fuente Crtvg.es