A CRTVG celebra o Día Grande de Galicia cunha programación especial esta fin de semana

0
14

Santiago, 21.07.2020.-    A Televisión de Galicia e a Radio Galega celebran a semana grande de Galicia cunha programación especial baseada na retransmisión dos actos máis destacados, documentais, estreas cinematográficas e, por suposto, unha gala para pasar o 25 de xullo na compaña da Galega.

A programación especial comezará o venres 24 ao mediodía, coa retransmisión, dentro do programa ‘A Revista’, do acto de entrega das Medallas de Galicia, que concede a Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo da nosa terra e que este ano lle recoñecen ao persoal sanitario que loitou contra a Covid-19.

A partir das 22.00 h, chegará o momento de vivir en directo ‘A Noite dos Fogos do Apóstolo’, que este ano será un pouco distinta por mor dos condicionamentos que impón a crise do coronavirus. Santiago non quedará sen un dos seus símbolos festivos nestas datas e, en vez do formato habitual e multitudinario arredor da praza do Obradoiro, realizaranse pequenas tiradas simultáneas desde oito barrios da cidade, que serán ofrecidas neste programa especial, presentado por Cristina García e Alba Mancebo.

O 25 de xullo, Día de Galicia, comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago arredor das 10.00 h, que será narrada por Xosé Manuel Maseda e contará cos comentarios de Fernando Madriñán. Como cada ano, a TVG ofrecerá en directo este evento, que lle dá continuidade á tradición instaurada por Filipe IV en 1643, e que nesta ocasión será presidido polos Reis don Felipe e dona Letizia.
    
Pola tarde, ‘Que nos pille rebolando!’, o magazine dos sábados, establecerá o seu set exterior en Santiago de Compostela, na praza de Cervantes. Os espectadores descubrirán os segredos dos seus edificios máis emblemáticos, as curiosidades das súas históricas rúas e as receitas de repostería máis simbólicas de Santiago. O programa contará cos representantes da orquestra Compostela, unha formación ligada á cidade que percorreu medio mundo e tampouco podía faltar a representación musical tradicional, que correrá a cargo dos integrantes de Cantigas e Agarimos.

A continuación, emitirase o documental ‘Pórtico da Gloria, polos séculos dos séculos’, que afonda na restauración desta obra mestra da catedral de Santiago de Compostela.

E, xa pola noite, chegará o momento da tradicional ‘Gala do 25 de xullo’, en que este ano acompañarán a Xosé Ramón Gayoso o presentador Xosé Manuel Piñeiro e os reporteiros Noelia Rey e Brais Doval, coñecidos da audiencia galega pola súa participación no programa ‘Malicia Noticias’. O especial da TVG pretende homenaxear os traballadores de servizos esenciais durante o confinamento e contará coas actuacións de Luz, Carlos Núñez, Triángulo de Amor Bizarro, Lucía Pérez, Uxía, Xil Ríos e as orquestras Panorama e Olympus, entre outros artistas.

O domingo, a Televisión de Galicia ofreceralles aos espectadores, despois do programa ‘Pazos and Cía’, a estrea de ‘Mimosas’, a segunda longametraxe do director galego Oliver Laxe, o título que antecedeu á súa multipremiada película ‘O que arde’. Con este filme, que narra a viaxe dunha caravana que acompaña un xeque moribundo a través das montañas de Marrocos, Laxe fíxose co Premio da Crítica no Festival de Cannes e recibiu tamén dous galardóns no Festival de Sevilla.

Será precisamente o cinema galego o gran protagonista destes días na G2, que o día 24 ofrecerá a película ‘A Esmorga’, coa que Ignacio Vilar levou ao cinema a considerada como a novela galega máis importante da segunda metade do século XX. O sábado emitiranse dous filmes relacionados coa peregrinaxe a Santiago: ‘A rosa de pedra’, dirixida por Manuel Palacios, e ‘A sinapse do Códice’, de Pablo Iglesias.

A Radio Galega cubrirá todos os eventos arredor do Día de Galicia

A RG tamén ten preparada unha programación especial para celebrar esta semana tan especial para Galicia. A emisora pública retransmitirá o venres a entrega das Medallas de Galicia e, a continuación, de 13.00 a 14.00 h, e dentro do ‘Galicia por Diante’, Cristina García estará na praza do Obradoiro para dar conta de todos os preparativos da festividade. Pola noite, de 22.00 a 00.00 h, ofrecerase un ‘Fondos Reservados Especial Fogos do Apóstolo’, coa retransmisión do espectáculo e a presenza de distintos convidados relacionados coa vida da capital galega.

O propio 25 de xullo, o magazineGalicia por Diante’ porá en antena unha edición especial centrada no Día de Galicia, de 09.00 a 13.00 h, que incluirá a retransmisión da parada militar e da Ofrenda ao Apóstolo. A continuación, emitirase o programa ‘Sala 5’, centrado nesta ocasión no cine galego, e ás 14.30 h os oíntes poderán seguir un ‘Diario Cultural’ especial que celebrará os 70 anos da editorial Galaxia, unha referencia histórica da edición en lingua galega, fundada un 25 de xullo de 1950.

Fuente Crtvg.es