A CRTVG convoca a cuarta edición do certame ‘Este verán canta con nós’

0
10

Santiago, 04.06.2020.-     Un ano máis, a CRTVG quere poñerlle banda sonora ao verán e por iso os medios públicos galegos poñen en marcha hoxe a cuarta edición do certame ‘Este verán canta con nós’, que premiará con 1.000 euros un tema inédito escrito e cantado en lingua galega.

Solistas e grupos teñen ata o 25 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo  musical. A persoa gañadora cederá á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo musical, se o hai. As propostas poden enviarse a canciondoveran2020@crtvg.es, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo). As bases do concurso poden consultarse aquí.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorarán a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 30 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Que nos pille rebolando’, de Miguel Silva, máis coñecido como Aquel-e, foi a canción gañadora da pasada edición de ‘Este verán canta con nós’. Con este reggaeton con estética trap, o artista rianxeiro acadou un grande éxito e notoriedade o estío pasado, ata o punto de que o título desta apegadiza canción dará nome ao magazine en directo que a TVG estrea este sábado e que proporá cada semana unha tarde de festa.

Fuente Crtvg.es