A CRTVG é a canle de FORTA que máis aumentou no consumo dixital no mes de novembro

0
21

Santiago, 23.12.19.-   A CRTVG lanza este decembro a campaña “#AteleAoTeuXeito”, coa que lembra algunhas das frases que todos os galegos e galegas teñen na súa cabeza da súa programación, dos espazos máis senlleiros e mesmo do mundo do fútbol. As frases poden lerse en autobuses urbanos que percorren xa as rúas das sete cidades galegas.
    
Con esta campaña, a CRTVG quere lembrar que todos estes contidos seguen dispoñibles nos seus soportes dixitais: no portal web crtvg.gal, nas aplicacións para móbil, nas redes sociais que achegan máis información, máis deporte, acompañamento e a lingua aos máis novos. Tamén, nos podcasts, na sección ‘Enserie.gal’, onde se poden ver as producións de ficción da Galega ou no arquivo dixital ‘Pasouoquepasou.org’. A consultora ComsCore acaba de facer público un informe en que se detalla que os medios públicos galegos son os que máis creceron en canto ao consumo dos soportes dixitais de todas as canles da rede de FORTA. En concreto, a CRTVG medrou, respecto ao informe anterior, un 19%.

Os presentadores e locutores da Televisión de Galicia e a Radio Galega levan case 30 anos achegando expresións moi recoñecibles, de personaxes, xornalistas e locutores moi queridos, como as de Xosé Ramón Gayoso e o seu clásico ‘Boas noites, con quen falo?’ no ‘Luar’ dos venres; ou a despedida habitual de Santiago Pemán despois de contar a previsión meteorolóxica: ‘Boas noites e ata mañá’.

A campaña recolle tamén as expresións ‘Remate á reviravolta’ e ‘Saíu a rentes do pau’ dos compañeiros de Deportes; ou as dos protagonistas de series como “Pratos combinados”, co ‘Que queres, miñoca?’ de Miro Pereira, e o ‘Marcho que teño que marchar’ que dicía Currás en ‘Mareas vivas’. ‘A cabeza non para’ de Os Tonechos; ‘Marusía con áreas de forte marusía’ do espazo ‘O tempo’; ‘Persebes coma puños’, tamén de Currás en ‘Mareas vivas’, ou o titular que tanto se emprega, ‘Asaltaron a máquina comecartos’, no informativo diario ‘Galicia Noticias’, o máis seguido do mediodía galego.
    
As liñas de autobús que levan estas mensaxes da Galega son, en Vigo, a L5, de Navia a Teis; en Pontevedra, a liña 2, de Monteporreiro á cidade; en Santiago de Compostela, a liña 5, de Vite á Rocha; na Coruña, a liña 1, entre o hospital Abente y Lago ata O Castrillón; en Ferrol, a liña 7, de praza Galicia á Faísca; en Lugo, a liña 10, que vai ao campus, e, en Ourense, a liña 6B, da estación de autobuses á Residencia.

A campaña foi deseñada internamente na CRTVG e percorrerá as rúas ata finais de xaneiro. Tamén as redes sociais da Corporación desenvolverán accións para espallar a campaña e invitará os máis novos a participar nela.

Fuente Crtvg.es