A CRTVG e Executivas de Galicia asinan un convenio para promover a visibilidade das profesionais galegas

0
13

O acordo foi formalizado este mércores por Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo

A CRTVG e Executivas de Galicia asinan un convenio para promover a visibilidade das profesionais galegas

Santiago, 26.01.2022.- A CRTVG e a entidade Executivas de Galicia asinaron este mércores un convenio para dotar de maior visibilidade as profesionais galegas que destacan nos seus diferentes ámbitos competenciais, e que están enmarcadas no directorio de Referentes Galegas (https://executivasdegalicia.org/listado-de-referentes/). Esta lista está composta por un crecente número de profesionais que, pola súa traxectoria, son referentes nas súas áreas de coñecemento tanto no mundo académico coma empresarial.

O convenio foi asinado na sede de San Marcos da CRTVG nun acto en que a    presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, salientou “a importancia que supón ter unha rede de apoio con máis de dez anos de experiencia, especialmente para as mulleres que inician as súas carreiras”.

Esta listaxe de profesionais está agora mesmo composta por 350 perfís. O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, pola súa banda, amosouse “convencido da utilidade desta ferramenta, na que a CRTVG axudará a facer visible o talento feminino e, á vez, a audiencia da CRTVG terá acceso aos amplos coñecementos que atesouran cada unha destas profesionais nos seus campos de actuación”.

Fuente Crtvg.es