A CRTVG emite esta fin de semana os partidos da 1ª RFEF Celta-Sabadell e Deportivo-Gimnástic de Tarragona

0
18

Santiago, 27.10.2023.-  Fin de semana de fútbol na CRTVG, cos encontros dos equipos galegos de 1ª e 2ª RFEF, que tamén retransmitirá atletismo desde Santiago. 

 A xornada deportiva comezará o sábado ás 16:00 h, co R. C. Celta Fortuna-C. E. Sabadell F. C., que emitirán desde Barreiro tanto a G2 como a web dos medios públicos. Os vigueses acumulan 14 dos últimos 18 puntos en xogo e tratarán de alongar a racha, o que, dependendo do que pase en Riazor, podería situar o equipo de Claudio Giráldez líder. Pola contra, o Sabadell só conta cunha vitoria nas últimas xornadas, ante o Sestao.

 Ás 18:00 h dará comezo en ambas as dúas canles o Ourense C. F.-Gimnástica Torrelavega, correspondente á 2ª RFEF. Os galegos son os anfitrións nun encontro en que aspiran a manterse no Palyoff e dar caza ao líder, mentres os cántabros chegan con tres derrotas consecutivas, a última na casa, no oitavo posto da táboa e coa zona nobre a dous puntos, polo que gañar tamén é fundamental. 

Para rematar a xornada do sábado, ás 20:00 h, os medios públicos ofrecerán en ámbolos dous soportes fútbol sala feminino, correspondente á 1ª RFEF, co partido entre o Poio Pescamar e o Ourense Ontime

As retransmisións deportivas dos medios públicos comezarán o domingo ás 10:00 h, coa XLIV Carreira Pedestre Popular de Santiago, en que participarán cativos e adultos. Os primeiros recorrerán un tramo de sete quilómetros, os segundos, de doce, nunha proba que partirá da avenida Xoán XXIII.

E xa ás 12:00 h volverá o fútbol a G2 e crtvg.gal, cun derbi galego en Abegondo: o encontro Deportivo Fabril-Racing C. Vilalvés da 2ª RFEF. Os dous equipos acaban de ascender á cuarta categoría do fútbol español e o adestrador dos coruñeses, Óscar Gilsanz, cualificou en rolda de prensa de “especial” o duelo polo seu pasado no conxunto lucense, asegurando que se enfronta á revelación da temporada. 

Pola tarde, ás 16:45 h, a G2 e a web da CRTVG ocuparanse do S. D. Compostela, que se enfronta ao R. Valladolid Promesas, tamén na segunda categoría, mentres que ás 19:00 h tocaralle ao R. C. Deportivo recibir  a Gimnástic de Tarragona, líder da clasificación do Grupo 1 da 1ª RFEF. Os coruñeses tratarán de dar continuade ao seu último triunfo ante uns granas que acumulan tres xornadas sen sumar os tres puntos. 

E, como cada fin de semana, os programas ‘A xornada en xogo’ e ‘En xogo’ ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas, a partir das 23:00 h, sábado e domingo, respectivamente. 

Fuente Crtvg.es