A CRTVG entrega este martes os primeiros premios escolares #DígochoEu

0
18

Santiago, 13.06.2022.-   O #DígochoEu da CRTVG celebra este martes na Cidade da Cultura de Santiago a súa grande festa de fin de curso. Mañá coñeceranse os gañadores da primeira edición do Premio #DígochoEu entre os dez finalistas deste concurso de vídeos en galego que recibiu preto de 200 propostas de centros de educación Primaria e Secundaria de toda Galicia.

O acto estará conducido polos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado. O primeiro premio, o #Dígocho de Ouro, está dotado con 2.000 euros, o #DígochoEu de  Prata con 1.000 euros, e o #DígochoEu de bronce, con 500 euros, todos os premios son para os centros escolares. Ademais, entregarase un premio especial do xurado, ao que concorre outra ducia de colexios que, aínda que non son finalistas, presentaron as súas propostas. Nos premios, a CRTVG conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis.

A gala reunirá preto de 500 nenos e nenas de toda Galicia e nela actuará o grupo galego de rock Monoulious Dop. Poderá seguirse tamén polo YouTube da Corporación e pola web crtvg.gal (18.30 h.). Ademais, os espazos da tarde da TVG ‘Quen anda aí’ e ‘Fun polo aire’ farán conexións en directo co evento.

As dez propostas de vídeos que chegan a esta final son proxectos 100% orixinais e moi diferentes entre si. Os finalistas son os traballos enviados polos centros IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Pino Manso de O Porriño, IES Pedra da Auga de Ponteareas, IES Virxe do Mar de Noia, IES Félix Muriel de Rianxo, CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, CEIP S. Clemente de César de Caldas, CEIP Antonio Fernández López de Sarria, IES Rego de Trabe de Culleredo e o IES Número 1 de O Carballiño.

O xurado desta primeira edición dos Premios #DígochoEu está composto por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, o actor Adrián Castiñeiras e a coñecida tiktoker e colaboradora da TVG, Laura Franco.

#DígochoEu, 171.000 seguidores e máis de 50 millóns de reproduccións

#DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo, e sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde supera xa os 171.000 seguidores. Ademais, os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 50 millóns de visualizacións en TikTok.

Así mesmo, pódese seguir tamén en Twitch, cun streaming semanal na noite dos mércores, xunto co actor luso Rodrigo Paganelli. É a conta galegofalante nesta plataforma con máis seguidores. Esta intensa actividade nas redes sociais consolidou este proxecto dos medios públicos como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

Recoñecementos ao #DígochoEu

Neste 2022, #DígochoEu acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión. O espazo gañara días antes tamén o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E ao longo do pasado 2021, #DígochoEu recibiu o Premio Paraugas de Comunicación e Marketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Fuente Crtvg.es