A CRTVG lanza #PoñámoloaCero, unha nova #AcciónG para alertar sobre o desperdicio alimentario

0
17

Santiago, 16.10.2023.-      A CRTVG lanza unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa, #PoñámoloaCero, unha campaña de sensibilización arredor do Día Mundial da Alimentación, este 16 de outubro, día en que a ONU visibiliza a necesidade de reducir o desperdicio alimentario cifrado a nivel mundial no 17 % entre os fogares, a restauración e a venda retallista.

Esta nova #AcciónG apoia tamén e difunde os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible número 3, Saúde e benestar, e o número 12, Produción e consumo responsables, que trata de cambiar o modelo actual de produción e consumo para conseguir unha xestión eficiente dos recursos naturais. Televisión de Galicia e a Radio Galega desenvolverán durante toda a semana accións divulgativas sobre a responsabilidade no consumo, as distintas iniciativas xurdidas para evitar tirar alimentos ao lixo e o traballo das entidades sociais galegas e da hostalería por reducir este feito.

Un anuncio de televisión e para redes sociais, unha cuña de radio e unha web específica que recolle os distintos recursos e fontes informativas son parte da campaña que quere traballar para mellorar esta situación e “poñer a cero ese desperdicio”, así como contidos nos seus informativos e programas ao longo da semana.

A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) advirte de que os alimentos se desperdician ao longo de toda a cadea de valor alimentaria: desde a produción, pasando pola manipulación, o transporte, o almacenamento e a distribución, ata chegar ao consumo. E que cada persoa desperdicia unha media de 74 kg de alimentos por ano (*datos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, PNUMA).

A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.  As #AcciónsG, que foron recoñecidas ata a data con tres mencións de Boa Práctica polo Pacto Mundial de Nacións Unidas, conforman parte esencial da RSC da CRTVG e deséñanse co obxectivo de divulgar, pero tamén de provocar a reflexión e o cambio e lograr unha sociedade mellor e máis responsable.

Fuente Crtvg.es