A CRTVG obtén o Indicador ARDAN 2022 de empresa igual en xénero

0
34

Santiago, 04.11.2022.-    A CRTVG recibiu este venres a acreditación que a recoñece como Empresa Igual en Xénero 2022. Este Indicador ARDAN é outorgado polo servizo de información empresarial desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e que se publica anualmente.

A entidade emisora salienta que a CRTVG se atopa entre o “4 % das máis de 35.000 empresas analizadas en Galicia que consegue superar os exixentes parámetros para obter estes recoñecementos”(…) “É un orgullo para nós contar na nosa terra con empresas como  a súa que, en circunstancias como as actuais, onde os retos globais e a incerteza engaden unha enorme complexidade á xestión empresarial, son capaces de obter estes resultados tan sobresaíntes”, destaca o texto.
        
A CRTVG, comprometida coa Igualdade
    
O indicador Empresa Igual en Xénero recoñece as empresas “que presentan altos valores de igualdade desde unha perspectiva de xénero no eido laboral medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións”. A CRTVG repite en 2022 a distinción que xa acadara en 2020 e 2019 e 2021 como Empresa Igual en Xénero.

Desde a CRTVG, tanto de forma interna como externa, difúndese o máximo respecto á igualdade entre homes e mulleres, tanto na programación coma nas políticas de recursos humanos. A CRTVG foi a primeira canle pública de España en contar cunhas Recomendacións para o Tratamento da Violencia Machista, emanadas do seu Consello de Administración.

A CRTVG leva a cabo accións ao longo de todo o ano, e especificamente arredor do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero e do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Tamén as campañas de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG, as #AcciónsG, teñen a igualdade de xénero como un eixe transversal. A última, neste pasado mes de abril, levou por título #FaiClic. Foi unha campaña arredor do Día Internacional das Nenas nas TIC, coa que a CRTVG levou a cabo unha #AcciónG en colaboración coa entidade Executivas de Galicia para dar a coñecer as mulleres sobresaíntes das TIC en Galicia e que así poidan servir de exemplo para as cativas. A campaña pode verse aquí.

Fuente Crtvg.es