A CRTVG ofrece en directo a Apertura da Porta Santa, acto co que comeza un novo ano xubilar

0
18

Santiago, 30.12.2020.- Os medios públicos galegos transmiten este xoves á tarde, en directo e de xeito íntegro, o acto de Apertura da Porta Santa da catedral de Santiago, co que comeza un novo ano xubilar, o terceiro deste século. A TVG e a Radio Galega levarán a cabo unha destacada despregadura de medios técnicos e humanos, tanto no interior coma no exterior do recinto catedralicio, para seguir de preto a procesión e ofrecer a liturxia.

A partir das 16.00 horas, os xornalistas Francisco L. Iglesias e Carlos Amado estarán á fronte deste especial relixioso na Televisión de Galicia, apoiados polos comentarios de Fernando Madriñán e Eduardo Herrero. Pola súa parte, na Radio Galega ofrecerase o especial ‘A Tarde Porta Santa’, entre as 16.00 e as 19.00 horas, conducido por Iván Calaza e Moncho Lemos, que contarán cos comentarios especializados do comunicador da Radio Galega Xosé María Fernández Pazos e con Francisco Miramontes, director do programa ‘Día Santo’. Ademais do relato da Apertura da Porta Santa, a emisora pública prestará atención á lectura da mensaxe do Papa Francisco e á presentación das ofrendas. O espazo incluirá explicacións sobre o significado do inicio do Ano Xacobeo desde o punto de vista histórico e relixioso para Compostela e Galicia.

Este acto relixioso poderase seguir tamén en directo, en streaming, a través da páxina web da CRTVG (http://www.crtvg.es/en-directo/apertura-porta-santa-da-catedral-de-santiago-de-compostela) e no perfil da TVG pola canle de YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=CMPkNRdbrAs&list=UUz46p3cffUXUSGUtcnw_Ouw&index=1).

A cerimonia de Apertura da Porta Santa, que volve abrirse despois de once anos, tras ser restaurada e no medio dunha pandemia, contará coa participación do arcebispo de Santiago, Julián Barrio; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en calidade de delegado rexio, e do alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, entre outras autoridades. A Porta Santa, o acceso máis popular da catedral de Santiago desde o século XVI, é só transitable en ano Xacobeo, coma este agardado 2021.  

Fuente Crtvg.es