A CRTVG ofrece esta fin de semana o derbi de baloncesto feminino Celta-Ensino e o Barça-Liceo de hóckey

0
27

Santiago, 23.11.2023.- Durante a fin de semana a CRTVG emitirá os partidos da 1ª e 2ª RFEF, así como o derbi galego do baloncesto feminino e o encontro da Liga de Hóckey entre o Barcelona e o Liceo. A axenda deportiva comeza o sábado ás 17:00 h coa Liga Feminina Endesa e o encontro Celta Zorka- Durán Maquinaria Ensino, que poderá verse na G2 e a web. As luguesas visitarán o Pavillón Municipal de Navia, despois de que o equipo de Vigo conseguira o seu primeiro triunfo da tempada. Tanto o Ensino como o Celta precisan dunha vitoria para afastarse da zona baixa da clasificación. 

Ás 17:15 h, poderase seguir a través de crtvg.gal o enfrontamento entre o Barça e o Liceo da Liga de Hóckey, que comezará na G2 ás 17:30 h. O equipo herculino tratará de ser o primeiro en dobregar un Barça líder e invicto ata o momento. A vitoria do Liceo, 3º clasificado, serviría para recortar distancias co líder da clasificación.

A xornada do sábado na CRTVG rematará con outro derbi galego, o C. D. Lugo-C. D. Arenteiro da 1ª RFEF, que se poderá ver na G2 e a web a partir das 19:00 h.  Os de Pedro Munitis reciben no Anxo Carro ao Arenteiro despois de que o equipo albivermello lle arrincase tres puntos importantísimos ao Sabadell na recta final do encontro. Permitíronlle manterse nunha posición cómoda na táboa, coa mirada posta no play-off. Os do Carballiño queren aproveitar a racha ascendente para afastarse dos postos que os devolverían á 2ª RFEF. O domingo, a xornada deportiva dos medios públicos galegos comeza ás 12:00 h en directo na G2, co carrusel dos partidos da 2ª RFEF. Os espectadores poderán seguir o que aconteza co Fabril, o Vilalbés e o Ourense

Xa ás 15:30 h, a audiencia poderá ver en directo na G2 e a través da web un dos encontros da fin de semana, o enfrontamento entre o R. C. Celta Fortuna e R. Sociedade B. O filial celeste parten cunha pequena vantaxe sobre os donostiarras, aínda que ambos conxuntos teñen a oportunidade de acabar a xornada no máis alto da clasificación. Dependen para iso do que faga a Cultural. 

A tarde continuará con outro equipo vigués, o Coruxo F. C. que, despois dunha serie de tres vitorias consecutivas, visita un S. D. Compostela que vén de sacar tres importantes puntos contra o Guijuelo na pasada fin de semana.

A xornada rematará co partido en Riazor entre o Deportivo e o Osasuna Promesas ás 20:00 h, que poderá verse na G2 e a web. Os de Imanol Idiakez intentarán continuar a súa serie de bos resultados, logo de que un gol no final do partido os separase da vitoria en Tarazona, para empezar a mirar cara os postos de play off que lle posibiliten o ansiado ascenso.

Ademais, coma cada fin de semana, os programas ‘A xornada en xogo’ (22:30 h) e ‘En xogo’ (22:15 h) ofrecerán un resumo de mellores momentos e anécdotas da fin de semana deportiva, o sábado e o domingo, respectivamente.

Fuente Crtvg.es