A CRTVG pecha as contas en positivo por 14º ano consecutivo, cun superávit de 3,1 millóns de euros

0
4

Santiago, 29.06.2023.-  A CRTVG obtivo en 2022 un resultado orzamentario en posición de superávit de 3,1 millóns de euros, segundo as contas anuais presentadas este xoves no Parlamento de Galicia polo director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo. Estes resultados supoñen pechar as contas por 14º ano consecutivo en superávit.

Estes resultados orzamentarios consolidados poñen de manifesto a eficacia da xestión e o saneamento das contas da CRTVG. A actual dirección da CRTVG recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros. A través da nova xestión e control de gastos, e con menores orzamentos que en anos precedentes, en 2012 conseguiuse eliminar a débeda bancaria, e, tras 14  anos de superávit, a Corporación pecha 2022 enxugando máis do 80% da débeda recibida (83,5%).

Cadro de persoal: o 46,7% do total da execución de gasto

Os datos do exercicio 2022 poñen de manifesto que o número medio de traballadores se estabilizou nun cadro de 896 persoas. Neste apartado, Sánchez Izquierdo salientou a progresiva redución da contratación temporal implantada na xestión desde o ano 2010. A temporalidade da contratación no 2009 superaba o 40%. Esta situación tamén foi revertida e no ano 2022 a Corporación lanzou una OPE para a consolidación do 100% do cadro do persoal.

As remuneracións deste persoal laboral situáronse en 37,8 millóns, fronte aos 36,8 millóns de euros de 2021, o que está motivado principalmente pola suba salarial do 3,5% aprobada en 2022 para os empregados públicos. En 2022 o gasto en persoal ascendeu a 51,2 millóns de euros, o que representa un 46,7% do total da execución das aplicacións de gasto.

Audiencias

O director xeral resaltou que á xestión de contas e de estabilización do persoal hai que sumar a competitividade do servizo público. Así, o estudio de audiencia de 2022 da TVG, medido por auditores independentes e diferentes metodoloxías como son as de Kantar Media e o EXM, sitúan a TVG entre as canles máis vistas de España. Concretamente, o EXM posiciona a canle galega como a autonómica máis vista do país en 2022, e Kantar Media outórgalle a segunda praza, segundo o seu sistema de medición. Isto reflicte que a Corporación está en sintonía coa sociedade de Galicia, cumprindo así o seu labor de servizo público. Neste senso, na temporada 2022-2023 (que abrangue desde o pasado setembro a este mes de xuño) a TVG, cun 11%, acadou o mellor resultado desde o ano 2011.

Fuente Crtvg.es