A CRTVG visibiliza este xoves a celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

0
15

Santiago, 02.12.2020.-    Consonte á súa función de servizo público, a CRTVG prestaralle este mércores e xoves atención ao Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra cada 3 de decembro co obxectivo de concienciar sobre a realidade deste colectivo. Este ano a celebración pon o acento en que as súas aspiracións se teñan en conta no mundo post Covid-19.

Hoxe mércores, na véspera desta data, a Televisión de Galicia emite ‘A síndrome Cacareco’ (02.40 h), unha película galega dirixida por Breogán Riveiro e con Tonet Ramírez como protagonista. O filme presenta a historia de Iago, un mozo con síndrome de Down cuxa maior ilusión é presentarse ás eleccións. O elenco complétase cos actores galegos María Bouzas, Carlos Blanco, Ernesto Chao, Tamara Canosa, Rosa Álvarez e Fina Calleja, entre outros.

Xa mañá xoves, día 3, ofrecerase na segunda canle o documental inclusivo ‘Máis ca Vida’ (23.30 h). Dirixido por Rubén Riós, forma parte dun proxecto audiovisual que busca romper barreiras e estereotipos. Cunha duración de case 50 minutos, este traballo xorde da gravación, en Ourense, dunha curtametraxe que conta cun grupo de persoas con discapacidade intelectual como protagonistas e coa colaboración dun elenco de actores tan coñecidos como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luís Iglesia.

‘Máis ca vida’, que obtivo a mención especial dos premios europeos Prix CIRCOM na categoría ‘Minorías en sociedade’, construíuse con testemuños reais do día a día que rodea as persoas con algún tipo de discapacidade e plasma en imaxes os momentos de ensaio aos que tiveron que enfrontarse de cara á rodaxe, cos seus medos, ledicias, interrogantes, dificultades, fatigas e sentimentos.

Os programas e magazines da Televisión de Galicia tamén se centrarán no Día das Persoas con Discapacidade. Así, o espazo ‘Vivir Aquí’ ofrecerá unha reportaxe feita coa Federación de Persoas Xordas na Coruña, en que se analizan as súas dificultades  para seguir coa súa vida cotiá neste tempo de pandemia, como o uso obrigatorio da máscara, que dificulta moito a súa capacidade para comunicarse, baseada en gran medida en ver os labios e as expresións faciais. Desde o principio desta crise loitaron para que se homologue unha máscara transparente.

Pola súa parte, o programa ‘A Revista’ contará coa presenza do presidente de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Anxo Queiruga, e do xerente de Fademga, Antonio Fuentetaja. Ademais, visitará en directo en Santiago a asociación Sarela, de atención e rehabilitación de persoas con dano cerebral.

En canto á Radio Galega, o programa ‘Convivir’, que trata a diario os temas sociais máis diversos, facendo bandeira da igualdade, ofrecerá unha entrevista con membros de Cogami. Ao longo da programación do día, tamén se realizarán conexións en directo con actos relacionados con esta data en distintos puntos de Galicia.

Fuente Crtvg.es