A emoción do deporte comeza esta fin de semana na CRTVG cun novo partido do Cangas na Liga Asobal de balonmán

0
5

Santiago, 29.11.2019.-  A emoción do deporte, en directo, volve esta fin de semana aos medios públicos galegos cunha variada oferta de disciplinas. O sábado, as transmisións da G2 e da web da CRTVG arrancan ás 17.30 horas cun novo partido na máxima categoría de balonmán, entre o Cangas Frigoríficos do Morrazo e o Helvetia Anaitasuna.

Ao remate do balonmán, a atención dirixirase cara ao pavillón da Raña, onde ás 19.30 horas se vivirá un novo derbi galego de baloncesto na LEB Ouro, co Marín Ence Peixe Galego e o Club Ourense Baloncesto. O anfitrión non gañou máis que un partido esta temporada e é pechacancelas na clasificación, mentres que o conxunto ourensán sitúase nun oitavo posto da táboa.

O domingo, a partir das 12.00 horas, ofrecerase en directo o partido da 16ª xornada de 2ª B de fútbol do C. D. Atlético Baleares e o R. C. Celta B, e estableceranse conexións co Coruxo F. C. – S. C. R. Peña Deportiva, que se disputa simultaneamente. Este encontro do Coruxo poderase seguir, de xeito íntegro, pola web da CRTVG e, en diferido, ao remate do choque do Celta B.

Ás 16.30 horas dará comezo, como cada domingo, ‘A Liga das Cidades’, que situará un dos seus equipos no estadio municipal de Pasarón, onde o Pontevedra C. F. se  medirá co U. P. Langreo (17.00 h). Tamén se establecerán conexións co partido do Rácing de Ferrol-C. Marino de Luanco e un carrusel con outros campos de terceira división para seguir en directo o transcurso dos encontros.

Os afeccionados ao fútbol sala, poderán seguir, en directo, ás 18.30 horas, pola web da CRTVG o partido do Burela Pescados Rubén fronte ao C. D. Futsi Atl. Navalcarnero, correspondente á 1ª división feminina. A G2 ofrecerao tamén a partir das 19.00 horas, ao remate de ‘A Liga das Cidades’.

Fuente Crtvg.es