A G2 emite este domingo a primeira cita do Campionato do Mundo de Motocrós, en que debuta o galego Jorge Prado

0
3

Santiago, 28.02.2020.-   Na última fin de semana de febreiro, os medios públicos ofrecen en directo pola G2 e pola web da CRTVG a Segunda División B e a Terceira Galega de fútbol, a División de Honra Masculina de Prata de balonmán e a inauguración do Campionato do Mundo de Motocrós.

O sábado ás 18:00 horas, a Segunda División B de fútbol pon en marcha as emisións deportivas co Rácing de Ferrol – Real Oviedo B na Malata, un partido importante para ambos conxuntos, que precisan selar a permanencia. Na xornada pasada, o Rácing perdeu pola mínima ante o líder no Estadio Balear e actualmente está a 3 puntos dos postos de descenso e queren loitar pola permanencia. O Real Oviedo B enfróntase por terceira semana consecutiva a un conxunto galego, e ten un punto máis que o conxunto ferrolán na clasificación, pero non por iso se atopa nunha situación moito mellor, xa que cada punto é decisivo para afrontar os partidos con máis tranquilidade. 

Ás 20:00 horas será a quenda do balonmán co encontro entre os dous primeiros clasificados da División de Honra de Prata Masculina, o Cisne Balonmán e o C. Balonmán Villa de Aranda, respectivamente, no Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra. O Cisne pretende acadar a súa terceira vitoria consecutiva, a última conseguiuna ante o Trops Málaga por 26-34. O Villa de Aranda, en segunda posición, leva tres xornadas consecutivas gañando, sendo a última vitoria ante o ARS Club Palma del Río por 29-21. 

O domingo, a Terceira Galega inaugura as emisións deportivas da G2 e crtvg.gal ás 11:00 h no Campo de Fútbol da Polvoreira co Polvorín F. C. – S. D. Compostela. Os visitantes, que son os líderes da terceira, veñen de golear 4-1 ao Bouzas e pretenden continuar na mesma liña para tentar afianzar o liderado. Os locais empataron 2-2 na xornada 25 co Alondras a domicilio.

O Campionato do Mundo de Motocrós, en directo, na G2

Xa ás 14:00 horas, a G2 retransmite a inauguración do Campionato do Mundo de Motocrós, en Matterly Basin (Gran Bretaña). A canle autonómica galega é a única televisión de toda España que ofrece, en aberto, este campionato dentro da súa aposta por distinguir esta práctica minoritaria. A novidade que se deu a coñecer estes días é que o galego Jorge Prado finalmente poderá competir nesta primeira carreira do Mundial de MXGP, tras recuperarse da fractura de fémur que sufriu o pasado mes de decembro durante un adestramento en Italia. A primeira proba poderase ver a partir das 14:00 horas e a segunda, ás 17:00 h, tamén na G2. 

Ao remate do Mundial de MXGP, no espazo ‘A Liga das Cidades’ terá lugar o Coruxo – Atlético de Madrid B ás 17:45 h no campo do Vao, que será emitido pola G2 e tamén por crtvg.gal. Os vigueses levan sen anotar os tres puntos desde o 2 de febreiro, cando goleou 3-1 ao Sporting de Xixón. Este domingo precisa da vitoria para seguir pelexando por acadar os postos de play off. Pola súa parte, o Atlético de Madrid B enfróntase por segunda xornada consecutiva a un equipo galego, na última empatou 1-1 co Pontevedra. O conxunto madrileño tamén buscará anotar os 3 puntos para recortar distancias co U. D. Eivissa, en segunda posición. 

Á vez que se emite o Coruxo – Atlético B, a G2 e a web da CRTVG realizarán conexións en directo co encontro que se disputa en Pasarón entre o Pontevedra C. F. e o Real Madrid Castela. Os granates ocupan unha zona perigosa da táboa, xa que están 2 puntos por riba do descenso e precisan puntuar para seguir na loita pola permanencia. O Castela non corre perigo, pois ocupa a sétima praza con 37 puntos.

Fuente Crtvg.es