A G2 estrea este martes ‘O automóbil, motor industrial de Galicia’, documental que percorre a evolución desta industria ata os nosos días

0
27

Santiago, 16.02.2021.-   A segunda canle da Galega estrea este martes, dentro de ‘A noite da descuberta’, o documental ‘O automóbil, motor industrial de Galicia’ (23.25 h), dirixido por Alejandro Outeiriño en 2016. Con imaxes da implantación da factoría de Citröen en Vigo e cos primeiros automóbiles que circulaban polas estradas galegas inicia este documental, guiado polo xornalista Gerardo Gonzalez Martín, autor do libro ‘Galegos ao volante 1900–1930’, quen con imaxes da época explica como eran aqueles automóbiles, as estradas e as peripecias daqueles primeiros condutores.

‘O automóbil, motor industrial de Galicia’ fai un percorrido pola evolución da industria da automoción en Galicia, desde a chegada dos primeiros automóbiles e a instalación das primeiras industrias automobilísticas, cos cambios que isto produciu na sociedade galega, ata os nosos días. O documental pretende dar unha visión do enxeño duns galegos que se atreveron a construír automóbiles ata o papel da industria da automoción galega hoxe. Con máis de 75 empresas, é o sector que ofrece máis postos de traballo e lidera a facturación, que representa máis do 14% do PIB industrial, así como o 31% das exportacións da nosa comunidade.

O documental mostra tamén algúns dos primeiros modelos que rodaron por Galicia, grazas a restauradores como Juan Lumbreras. Tamén fai un repaso aos ‘aventureiros galegos’, que un día deron o paso de convertérense en construtores de vehículos, tales como José Moldes Castro, Estanislao Reverte (visitando o seu Museo en Santa Cruz de Arrabaldo) e, por suposto, de Eduardo Barreiros, de quen fala a súa filla Mari Luz Barreiros, presidenta da Fundación Barreiros.

Ademais, o filme acode á cadea de montaxe da factoría de PSA Peugeot Citröen, repasa a importancia dos fabricantes auxiliares da automoción instalados en Galicia, da man de Ceaga, da capacidade de I+D do Centro Tecnolóxico de Automóbil de Galicia e das repercusións sociais e económicas, coas opinións dos axentes sociais e da Consellería de Economía, e visita tamén outros fabricantes instalados na nosa comunidade e cun grande éxito, como é o caso de Urovesa.

Fuente Crtvg.es