A G2 ofrece este martes o programa ‘Galegos’, en homenaxe a Luz Pozo, unha das nosas poetas esenciais

0
10

Santiago, 20.04.2020.-   A CRTVG está a lembrar nas súas canles a figura de Luz Pozo Garza, poeta que finou hoxe na Coruña con 97 anos de idade. Desde que se tivo noticia do seu pasamento, a TVG incluíu pezas sobre a autora nos seus espazos informativos. En homenaxe a esta poeta esencial galega, tamén a G2 ofrecerá este martes, ás 23.30 horas, o programa ‘Galegos’, realizado por Xosé Manuel Vega en 2014, en que a través da ollada reflexiva da escritora achégase unha viaxe pola política, a economía e a cultura galega.

Luz Pozo criouse nunha casa chea de libros escritos en diferentes idiomas. Alí líanse novelas e recitábanse poemas en familia. A poesía era para ela o xénero literario máis emotivo, en que unha soa palabra podía ter moitos significados. Con preto de cen anos, seguía a escribir poesía. Vivía soa, porque quería, sentía a vida fermosísima e aseguraba estar a vivir a etapa máis feliz por poder pensar, lembrar e imaxinar con absoluta liberdade, sen que ninguén a molestara ou a interrompera.

Do mesmo modo, a Radio Galega está destacando a personalidade e obra de Luz Pozo Garza nos seus distintos espazos. Así, no ‘Galicia por Diante’, a súa figura foi protagonista esta tarde do especial ‘Senlleiras’, onde se recuperou unha entrevista en profundidade coa autora. E pola súa parte, as dúas edicións de ‘A Crónica’ debuxarán un perfil sobre a súa figura.

Nada en Ribadeo (1922), Luz Pozo, poeta, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio formaba parte da RAG dende 1950, cando, con só 28 anos, foi nomeada membro correspondente, e dende 1996 era académica de número. A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. En 2019 publicou o seu último libro, ‘Pazo de Tor’, unha obra de homenaxe ás raíces familiares pola vía materna.

Fuente Crtvg.es