A G2 ofrece este mércores, dentro do ciclo ‘Galicia Emerxe’, un concerto de Blanco Palamera

0
2

Santiago, 17.03.2021.-   Blanco Palamera é o novo dúo que sobe esta noite ao escenario do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece a G2 a partir das 23.25 horas. Esta parella musical, formada polos composteláns Manuel Blanco e Xoán Domínguez, é o resultado de moitos anos de crecemento e creación xuntos, cunha música que reflicte as súas propias personalidades e vivencias.

Baixo unha esencia pop e electrónica, mesturada con estilos como o jazz, o r&b, o hip-hop, a bossa nova, o funk ou a indietrónica, a súa primeira obra, ‘Promesas’, é un traballo inmersivo en que se atopan cancións cálidas e ben estruturadas baixo unha superficie de texturas sintéticas. Gravado e producido de forma íntegra polo dúo, este álbum amosa unha delicadeza textual e unhas letras confesionais.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es