A Galega pon en marcha este mércores unha programación especial, con motivo da celebración do Día da Muller

0
2

Santiago, 04.03.2020.-  Televisión de Galicia inicia hoxe unha programación especial con motivo do Día Internacional da Muller. Ademais de dar cobertura informativa aos variados actos conmemorativos que teñan lugar arredor do 8 de marzo, a Galega ofrecerá ata o domingo unha variada proposta de contidos en que as mulleres son as protagonistas. Neste senso, a G2 ofrecerá o ciclo ‘Mulleres Galegas’ con series, programas e películas, en horario de ‘prime time’, desde este mércores. E pola súa parte, a TVG achegará o domingo o especial ‘Re-coñeceas’, unha homenaxe ás mulleres do rural galego.

O prato forte da Televisión de Galicia para o 8 de marzo, o programa ‘Re-coñeceas’, partirá do relato e dos murais realizados polo artista coruñés Yoseba Muruzabal, para  poñer en valor esas mulleres galegas do rural, traballadoras incansables, con personalidades extraordinarias e toda unha vida de entrega a súa terra e aos seus seres queridos. Neste especial, coñeceranse algunhas das protagonistas que Yoseba retratou nos seus murais coma se das protagonistas dun cómic de superheroínas se tratase.   

O ciclo ‘Mulleres Galegas’, na G2, na faixa da noite

Baixo o título ‘Mulleres Galegas’, a G2 ofrecerá un variado abano de contidos cos que intentará dar conta do labor que a Galega realiza para a difusión da muller a través da súa programación. Unha promoción da igualdade que se traslada a todo tipo de contidos para o entretemento e cos que se destaca o papel da muller na sociedade e desde distintas perspectivas.  

Deste xeito, o ciclo ‘Mulleres Galegas’ comezará este mércores á noite coa emisión dun maratón da serie ‘Luci’, unha comedia de situación ofrecida hai uns anos pola TVG en horario de máxima audiencia, que leva o nome da súa protagonista e que trata a historia dunha muller loitadora e botada para adiante, con capacidade de plantarlles cara ás dificultades da vida e de sacar o positivo das malas experiencias.

O xoves realizarase un maratón de ‘Quero falar coa xefa’, programa da TVG que presenta historias de mulleres cheas de curiosidade, de entusiasmo e de talento e amosaba a súa relación co seu traballo. Deste xeito, os espectadores coñecerán o labor dunha cociñeira, unha patroa de traíñas, unha gandeira e experta en pragas, unha mariscadora e unha pintora e deseñadora de vidreiras.

Estrea da longametraxe ‘A paixón de María Soliña’

A noite do venres estrearase ‘A paixón de María Soliña’, longametraxe documental de 2012, dirixida por Emilio J. Fernández e Alfonso Castaño, que narra a vida de María Soliña, símbolo de todas as mulleres vítimas do poder, encadeadas e xulgadas pola Inquisición Española.

A continuación, tamén na G2, poderase ver unha entrega do programa ‘Vivir Aquí’ centrado na educación en igualdade e o papel tan importante que esta xoga na loita contra o machismo e a violencia de xénero. O espazo percorrerá os diferentes niveis educativos e escoitará estudantes de todas as idades expoñendo como vén o problema da violencia machista e os roles de desigualdade entre mulleres e homes.

Na véspera do Día Internacional da Muller, ofrecerase a longametraxe ‘A muller invisible’ (2007), de Gerardo Herrero, cun elenco encabezado por María Bouzas, Tamar Novas, Adolfo Fernández, Nuria Gago, Carlos Blanco e Antonio Mourelos, entre outros. A trama narra a historia de Luísa, unha muller de mediana idade, que se sente invisible. Nunha festa de empresa, coincide con Jorge, pero este non repara nela, nin sequera a ve, así que a protagonista levará a cabo todo un plan para seducilo.

O propio 8 de marzo, a programación deportiva da G2 vai ser, sobre todo, feminina. Ao longo da xornada poderase ver xogar as campioas da liga de rugby, o CRAT Universidade da Coruña, a final da Copa da Raíña de fútbol sala feminino e as guerreiras do equipo de balonmán, o Conservas Orbe BM do Porriño, ademais de ofrecer entrevistas con deportistas como Tamara Echegoyen, Vero Boquete, Lupe Murillo e Teresa Portela.

Fuente Crtvg.es