‘A lingua das bolboretas’, de José Luis Cuerda, protagonista da sesión de cinema que propón este venres o programa ‘Clac’

0
28

Santiago, 01.04.2022.-    O espazo ‘Clac’ (22.55 h) proponlles este venres aos espectadores da G2 o visionado de ‘A lingua das bolboretas’, un filme baseado no relato do mesmo nome do escritor Manuel Rivas. Rodado en Allariz en 1998, conta a historia de amizade e posterior traizón entre un vello mestre e un rapaz, no escenario dunha vila galega nos días que preceden ao golpe de Estado de 1936. Esta película, dirixida por José Luis Cuerda, é unha das tres longametraxes do sistema audiovisual galego baseadas en textos de Manolo Rivas, xunto con ‘O lapis do carpinteiro’ e ‘Todo é silencio’. A película recibiu o Goya a mellor guión adaptado.

‘A lingua das bolboretas’ sitúase no ano 1936 nunha vila galega. O mestre Don Gregorio ensínalle a Moncho os seus coñecementos de natureza, literatura e mesmo sobre o amor, ata que o golpe militar trae consigo duras deslealdades. O director, o finado José Luis Cuerda, contou con Fernando Fernán Gómez no papel de mestre e cun sorprendente rapaz que debutaba no cine, o compostelán Manuel Lozano. Uxía Blanco e Gonzalo Uriarte interpretaban os pais. Neste filme, Tamar Novas facía o seu primeiro papel no cinema.

‘Clac’ contará coa presenza no estudio de Manuel Rivas, autor dos relatos que inspiran a película, e de Manuel Lozano, o actor protagonista. Rivas explicará onde se inspirou para escribir os relatos de ‘Que me queres amor?’, que posteriormente se trasladaron á película de Cuerda. Así mesmo, referirase á súa percepción do resultado da película e a como participou na elaboración do guión. Pola súa parte, Manuel Lozano recoñecerá o xeito en que o papel de Moncho, o pequeno protagonista, lle afectou a toda a súa carreira. Tamén lembrará o que supuxo para el traballar con Fernando Fernán Gómez.

Fuente Crtvg.es