A maior competición gastronómica do país, o ‘Come a Comarca. Batallas’, comeza nova etapa esta noite na TVG

0
42

Santiago, 16.12.2020.-  Esta noite inicia unha nova etapa na Televisión de Galicia a maior competición gastronómica do país, o ‘Come a comarca. Batallas’ (22.30 h), cos mellores cociñeiros de 16 comarcas, competindo unhas contra as outras. Nesta primeira entrega, o programa aterra na provincia da Coruña, onde se enfrontarán dúas comarcas veciñas, coa Costa da Morte como nexo común: Bergantiños e Fisterra.

Precisamente, o océano Atlántico compartido converte ambos territorios en dous dos máximos expoñentes do país en materia de peixe e marisco. O longueirón na ría de Corcubión, os percebes en Corme ou as robalizas que poden atoparse en lonxas como as de Malpica ou Muxía son só algunhas referencias na súa riqueza culinaria. Sen esquecer os cultivos dos que goza Bergantiños, favorecidos por unha privilexiada localización entre a beira do mar e o interior. Cada unha das comarcas participantes no concurso vai estar representada no programa por un equipo de cinco profesionais da cociña.

Como conseguirá recrutalos o presentador, Fran Cañotas? Pois non lle queda outra que percorrer estes territorios na procura dos mellores. Unha aventura que terá paradas en lugares como La Despensa d’ Lujo, en Coristanco, provedor de produtos de horta a restaurantes con estrela Michelin, ou a peixería Reymar, en Fisterra, con moita sona polo seu produto fresco. Son, entre outros templos gastronómicos que se amosarán no programa, bos lugares para dar con quen os cociñe. Cómpre ademais sinalar que entre os alicientes para competir en ‘Come A Comarca. As Batallas’ está o premio.

Non só o prestixio que supón para un cociñeiro ser escollido como abandeirado do seu territorio. O equipo que chegue á final gañará 5.000 €. E quen sexa a mellor comarca das 16 que participan farase con 15.000 €. Un recoñecemento para o que terán que pelexar con todas as súas enerxías e talento culinario. As eliminatorias, en forma de batallas comarcais, van poder vivirse na Galega durante as vindeiras semanas.

Iso si, para ser a comarca que mellor cociña en Galicia haberá que baterse en duelo co equipo rival. O xefe de salgados, Gerson Iglesias, e o de doces, Manuel Garea, presentarán un menú composto por dous pratos e sobremesa, ao que se engadirán retos e complicacións e haberá que rematalos nun tempo máximo. Quen o fará mellor nesta contra o reloxo? A última palabra será do xurado, formado por 15 expertos en gastronomía, que cos seus votos nunha cata a cegas, determinarán o vencedor.

Esta semana, o equipo de Bergantiños estará liderado por Rocío Martínez, cociñeira en Carballo do restaurante Pementa Rosa. Estarán con ela dous dos seus axudantes, Daniel Santos e Paula Cancela, e completarán o equipo Óscar Ures, da Cunca (Buño), e Eva Amado.

En Fisterra, o capitán será Manuel Agapito, quen chegou a formar parte do prestixioso Celler de Can Roca. Tamén Miguel Silvarredonda, do restaurante Mar Viva (Corcubión), Raúl Góñez, Manuel Antelo do restaurante A Casa do Peixe (Muxía) e Pablo Canosa do restaurante As Eiras (Lires). Para saber quen acada o pase á seguinte rolda só hai que facer unha cousa, poñer a Galega.

Fuente Crtvg.es