A ministra de Sanidade, Carolina Darias, sobre a retirada da máscara en interiores: «É importante o cando, pero tamén o como»

0
9

Santiago, 17.03.2022.-     Carolina Darias, ministra de Sanidade, foi entrevistada este xoves no informativo ‘Bos Días’, onde se referiu en primeiro lugar á crise dos refuxiados que foxen da guerra en Ucraína despois da reunión de coordinación dos países da Unión Europea: «hai unha determinación clara de toda a Unión Europea e a comunidade internacional de actuar de maneira coordinada e solidaria para atender todas as necesidades que precisen. E estamos a facelo», destacou.

A ministra manifestou que o Goberno de España, todo o Sistema Nacional de Saúde, está enviando medicamentos e puxo á disposición máis de 5.500 camas, das que 1.184 son camas pediátricas, «é unha situación indescritible que require do noso apoio, do mellor de nós mesmos, como o Sistema Nacional de Saúde fixo durante toda a pandemia, e unha vez máis estaremos á altura», subliñou Darias.

Sobre se haberá criterios únicos, a ministra de Sanidade destacou na entrevista que «España é o país que máis camas puxo á disposición, e fíxoo o conxunto do Sistema Nacional de Saúde xunto con Defensa» e que se están enviando medicamentos da reserva que ten o ministerio e tamén os que poñen á disposición as comunidades autónomas. «O organismo de Protección Civil di qué principios activos de medicamentos precisan, a Axencia Española de Medicamentos transfórmaos, distribúense entre as comunidades autónomas e cada unha vai achegando o que en cada momento pode e trasládanse ao organismo de Protección Civil e enviamos todos os medicamentos», dixo.

Retirada da máscara en interiores

A ministra de Sanidade afirmou que este xoves a Comisión de Saúde Pública vai dicir cando se inicia o período transitorio cara á vixilancia Sentinela, e a partir dese momento deixarase de contar caso a caso, pero cun máximo seguimento ás persoas máis vulnerables e sobre todo á hospitalización. Sobre a retirada da máscara en interior, Darias quixo deixar claro que o seu ministerio sempre mantivo o mesmo paso: «Nin adiantar, nin atrasar, iremos progresivamente, acorde coa situación epidemiolóxica, avanzando. Hai que ir acompasados e de maneira coordinada e homoxénea en todo o territorio nacional».

Incidindo nese tema, matizou: «É importante o cando, pero tamén o como, porque as persoas expertas que nos asesoran serán quen nos digan en que espazos, cando chegue o momento de quitalas no interior, deberán seguir sendo obrigatorias. Se cando haxa unha aglomeración en interior é conveniente mantela, se en caso do transporte público pode ser conveniente mantela ou se en determinados espazos con persoas vulnerables tamén. Pode haber unha idea previa, pero o importante é que veña da man das persoas expertas».

A ministra de Sanidade quixo incidir en que España entrou máis tarde na sexta vaga e saíu antes dela. Volveu incidir nos datos de vacinación en España, onde o 92% de persoas maiores de 12 anos ten a pauta completa e ha  máis de 24 millóns de persoas coa dose de reforzo.

Outra cuestión abordada na conversa, reclamada por Galicia insistentemente, é o aumento das prazas MIR. Darias destacou que a disposición é tan grande que dende que Pedro Sánchez é presidente, as prazas incrementáronse un 32% e que a partir de 2027 non haberá necesidades extra. «Hai que seguir traballando da man das comunidades autónomas, balanceando aquelas especialidades que sexan deficitarias coas que son excedente, e as prazas acreditadas polas comunidades autónomas teñen que cubrirse na súa totalidade», subliñou.

Fuente Crtvg.es