A música de Alejandro Vargas Trío, protagonista nunha nova edición do ciclo da G2 ‘Galicia Emerxe’

0
9

Santiago, 22.12.2021.-    O ciclo da G2 ‘Galicia Emerxe’ (23.00 h) continúa este mércores coa actuación do pianista e compositor cubano Alejandro Vargas, un dos novos jazzistas máis recoñecido no seu país. Ao longo da súa carreira, participou en varios proxectos e discos e viaxou a festivais de jazz por todo o mundo.
    
Como pianista, Vargas tocou con prestixiosas agrupacións e con músicos de relevancia internacional. Actualmente reside en Santiago de Compostela e desenvolve un intenso traballo sobre a improvisación libre e o free jazz.

Alejandro Vargas Trío, do que forman parte tamén José Manuel Díaz, no contrabaixo, e L.A.R. Legido, na batería, interpretará hoxe no escenario temas do seu último disco, ‘Diablito baila’, en que presentan a súa visión máis contundente do jazz contemporáneo, onde a esencia afrocubana se mestura coa visión onírica da música que caracteriza esta banda.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola G2 e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

Fuente Crtvg.es