A música de Xoel López, este mércores na G2, no marco do ‘Galicia Emerxe’

0
9

Santiago, 09.02.2021.-  O coruñés Xoel López é o protagonista este mércores dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que a CRTVG está ofrecendo cada semana nas súas canles. A partir das 23.25 horas, os espectadores poderán gozar nas ‘Noites Temáticas’ da G2 dun recital de 40 minutos dun dos artistas galegos máis representativos da escena independente. Este novo recital estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h).

O indie-pop de Xoel López, que acaba de lanzar á rúa o seu quinto álbum en solitario ‘Si mi rayo te alcanzara’, soará a través dunha selección dalgunhas das cancións de máis éxito do seu universo musical propio. É o cuarto evento musical que a CRTVG ofrece dentro do ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos. Gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, nas vindeiras semanas iranse ofrecendo recitais de Boyanka Kostova, A Banda da Loba, Sés, Luar na Lubre, Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

No exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo, a CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’. Esta iniciativa, que ten como obxectivo facer accesible a cultura a toda a cidadanía galega, cobra especial relevancia nas actuais circunstancias derivadas da covid-19, que limitan de xeito importante o normal desenvolvemento das actividades musicais con público en directo, e pretende ser un xeito alternativo de manter viva a oferta musical.

Fuente Crtvg.es