A partir deste martes, as ‘Noites Temáticas’ da G2 estrearán cada semana un novo documental

0
7

Santiago, 01.02.2021.-   Desde esta semana, as ‘Noites Temáticas’ da G2 chegan con novidades, xa que cada martes se estreará un novo documental dentro do espazo ‘A Noite da descuberta’, o que supón unha excelente oportunidade para descubrir contidos inéditos de gran calidade e valor histórico, cultural, humano, científico e cultural.

Todos estes documentais foron apoiados na súa produción pola TVG e moitos deles teñen a súa orixe no coñecido como o cumprimento do 6% e tamén no paquete de medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo adoptadas por CRTVG para contrarrestar os efectos da Covid-19.

A estrea destes novos produtos audiovisuais comeza este martes coa emisión de ‘O futuro da mente’, dirixido por Ruth Chao, que aborda un dos maiores misterios: o órgano máis descoñecido do corpo humano e o obxecto máis complexo de todo o sistema solar. Este documental explica como acaba de comezar a era do neurociencia, xa que nas dúas últimas décadas aprendemos máis do cerebro que no resto da historia da humanidade.

Durante as vindeiras semanas ofreceranse ‘A nós o teu reino’, dirixido por Horacio Alcalá, que  conta a historia do vigués Simón González, trece veces consecutivas campión do mundo de full-contact; ‘O automóbil, motor industrial de Galicia’, que fai un percorrido pola evolución da industria da automoción en Galicia, desde a chegada dos primeiros automóbiles e a instalación das primeiras industrias, e ‘As Encrobas, a ceo aberto’, de Xosé Antón Bocixa, que relata un conflito que nos anos 70, en plena decadencia do franquismo, traspasou as fronteiras galegas e mesmo estatais, polo eco que tivo a loita contra as expropiacións levadas a cabo por Unión Fenosa.

Durante o mes de marzo chegarán títulos coma ‘Gallo’, co que Antonio Díaz Huerta se achega a apaixonante e emotiva historia de superación e sacrificio de Aitor Francesena ‘Gallo’, un surfista vasco a quen a perda da vista non freou para afrontar un dos desafíos máis difíciles e perigosos da súa vida, e ‘Vigo, 1972’, un filme dirixido por Roi Cagiao que narra o acontecido na cidade de olívica en setembro de 1972, cando o movemento de solidariedade co despido de cinco traballadores da factoría Citroën finalizou coa maior folga xeral da historia de Galicia en plena ditadura.

En próximas datas, tamén formarán parte de ‘A Noite da descuberta’, entre outros, os documentais ‘Esquece Monelos’, primeira longametraxe de Ángeles Huerta, que, valéndose da desaparición do río Monelos baixo a cidade da Coruña, ofrece unha reflexión real e metafórica sobre como se vive a perda de memoria dun familiar; ‘O desafío do Sil’, dirixido por Domingo D. Docampo, que  contén imaxes de gran valor histórico sobre a construción das presas dos Saltos do Sil (Santo Estevo e San Pedro) nos anos 50 e primeiros 60, e ‘Trinta anos actuando’, con dirección de Eva Alonso, que narra, na voz dos propios protagonistas e doutros personaxes importantes relacionados con eles, a traxectoria de Eduardo Alonso e de Luma Gómez en relación coa súa compañía, pero ao mesmo tempo reflicte unha boa parte da historia do teatro galego.

Fuente Crtvg.es