A película ‘Malencolía’, en que participa a TVG, remata a súa rodaxe en Galicia

0
12

Santiago, 08.06.2021.- Participada pola TVG, a sexta longametraxe de Alfonso Zarauza, ‘Malencolía’, remata esta semana a súa rodaxe na comarca ourensá do Carballiño. Trátase dun filme para televisión, en que o director compostelán se adentra por primeira vez no xénero de terror, aínda que repite con boa parte do equipo técnico e artístico que o acompañou na súa última película, ‘Ons’, estreada a finais do ano pasado. A rodaxe de ‘Malencolía’ realizouse en diversas localizacións dos concellos de Boborás, O Irixo e O Carballiño. 

Esta produción conta con importantes profesionais como Melania Cruz e Xúlio Abonjo, que interpretan os papeis protagonistas de Sira e Pepe, unha parella que decide comezar unha nova vida nunha aldea abandonada de Ourense logo de botar moitos anos emigrados en Berlín. Chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina, interpretada por Iolanda Muíños. Completan o elenco Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic

Producida por Maruxiña Film Company, coa participación da Televisión de Galicia, subvención de AGADIC e a colaboración da Deputación de Ourense e o patrocinio de Deleite, ‘Malencolía’ preséntase como un filme para televisión rodado integramente en Galicia e en galego, e con equipo 100% galego. 

‘Malencolía’ contou coa participación de colaboradores como Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na de fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe, todos eles premiados ou finalistas nos últimos premios Mestre Mateo pola longametraxe ‘Ons’, que tamén levou o premio á mellor longametraxe e acadou en total 9 destes galardóns. 

Fuente Crtvg.es