A película ‘Migas de pan’, que trata sobre a represión da ditadura uruguaia desde unha óptica feminista, proposta deste venres en ‘Clac’

0
24

Santiago, 28.10.2022.-    ‘Clac’ presenta esta semana unha película pensada desde Galicia, pero coa ollada no outro lado do mundo: ‘Migas de pan’, que trata sobre a represión da ditadura uruguaia dos anos 70 e 80, dende unha óptica claramente feminista.

Foi escrita e dirixida por Manane Rodríguez en 2015 e estreada en 2016. A directora, establecida en Galicia desde hai moitos anos, xa estivo en ‘Clac’ para presentar ‘Un conto para Olivia’. Neste programa acompáñaa a montadora do filme, Sandra Sánchez, con quen traballou noutros proxectos, como o documental ‘Vidas virtuais’, a longametraxe ‘Un ajuste de cuentas’ e o filme Rafael, producido por Xamalú.

‘Migas de pan’ é a historia dunha moza que sufriu cárcere e tortura por parte de militares durante a ditadura do Uruguai. Ademais da violencia sufrida, quítanlle a custodia do seu fillo. 30 anos despois do seu exilio, volve a Montevideo para a voda dese fillo. A partir de aí ábrese un camiño de reconstrución persoal e colectiva.

Pese a inspirarse na ditadura uruguaia, non se trata dun filme autobiográfico da directora Manane Rodríguez, senón que se baseou na historia dun grupo de mulleres que sufriron as agresións dos militares durante a represión e que falaron con ela durante o proceso previo á escrita do guión e a rodaxe. A montadora Sonia Sánchez exporá as fórmulas empregadas para construír as escenas de torturas e o día a día da vida das mulleres no cárcere.

Fuente Crtvg.es