A primeira canle da TVG ofrece este sábado en directo desde Balaídos o amigable entre o Celta de Vigo e o Olympique de Lión

0
28

Santiago, 28.07.2023.-    A fin de semana deportiva dos medios públicos galegos ten este sábado unha cita destacada en Balaídos, onde a partir das 20:00 h se disputa o partido amigable de pretemporada do Celta contra o Olympique de Lión, que se ofrecerá en directo a través da primeira canle da TVG, e tamén na web da Corporación.

Este enfrontamento ante o conxunto francés enmárcase nunha edición moi especial do Memorial Quinocho con motivo do Centenario do Celta e supón a presentación oficial da nova temporada do equipo dirixido polo madrileño Rafa Benítez. Será a primeira vez, nas 27 edicións do Memorial, que participe un equipo francés.

Ademais, tamén o sábado, os espectadores poderán ver en directo a través da G2 e en crtvg.gal, a Bandeira de Getxo, unha das citas clásicas das Ligas Eusko Label e Euskotren de traiñeiras. As embarcacións femininas volverán competir despois da súa fin de semana de descanso e comezarán a afrontar a segunda parte da temporada, coas últimas oito xornadas do seu calendario. A proba feminina comezará ás 17:15 h e a masculina, ás 18:15 h.

O domingo, a xornada deportiva comezará na G2 e na web coas traiñeiras de Liga ACT, que nesta ocasión disputarán a Bandeira de Santurtzi. Ás 11:20 e ás 12:15 h, disputaranse, respectivamente, as regatas das liga Euskotren e Eusko Label. Despois será a quenda da Liga Galega de Traiñeiras, ás 12:00 h en directo na web e ás 19:00 h en diferido na G2. No porto da localidade boirense medirán as súas forzas as embarcacións da máxima categoría autonómica, na que será unha nova oportunidade para comprobar se Ares continúa coa súa racha de vitorias ou se Bueu-Simei, Tirán-Pereira ou Chapela-Wofco conseguen gañar esta Bandeira Mariña Cabo de Cruz.

Para os fanáticos do motocrós, os medios públicos ofrecen a partir das 12:00 h, en directo na web da CRTVG, a primeira manga do MXGP de Finlandia. Despois do Gran Premio de Flandes, o Campionato do Mundo volve esta fin de semana nun lugar un pouco máis ao norte, en Finlandia. Nesta 14ª xornada da temporada, que terá lugar na pista de Vantaa, o español Jorge Prado atópase na cabeza da clasificación con 665 puntos, fronte aos 566 de Romain Febvre e os 506 de Jeremy Seewer. A segunda manga desta competición emitirase a partir das 15:00 h na web e na G2.

Por outro lado, a partir das 16.30 h emitirase en directo na G2 e en crtvg.gal a final do All Ireland de fútbol gaélico, que disputarán os equipos de Kerry e Dublín. Este campionato organizado pola Gaelic Athletic Association (GAA) celébrase anualmente desde 1887.

Fuente Crtvg.es