A Primeira RFEF de fútbol volve este domingo á TVG

0
22

Santiago, 24.03.2022.-  O fútbol de Primeira RFEF volve á Televisión de Galicia.  Os medios públicos chegaron a un acordo coa plataforma dona dos dereitos de televisión desta categoría para ofrecer os encontros da casa dos equipos galegos de aquí ao final da temporada.

Esta fin de semana arranca de novo o fútbol desta categoría na G2 co derbi entre o Celta B e o Deportivo da Coruña no estadio de Balaídos de Vigo. E a semana que vén xa se poderán ver os partidos dos tres equipos galegos na casa.

A TVG chegou agora a un acordo con Futchs Sports Internacional para a emisión destes encontros logo de non poder acceder aos mesmos ao principio de temporada. A TVG suma a Primeira REF á súa oferta, que inclúe a 2ª Segunda REF, onde militan o Pontevedra, Compostela, Coruxo, Bergantiños, Arousa e Arenteiro, e os partidos da Ligue One francesa e da Primeira Liga portuguesa.

Máis deporte galego

A TVG recupera os dereitos de emisión desta categoría ao tempo que abre novos escenarios para outros deportes galegos. A TVG ofrecerá por primeira vez a Supercopa de Chave e Billarda, tamén esta fin de semana. Con esta transmisión, a primeira que realiza a Galega destes xogos tradicionais, a canle pública inicia a cobertura dunha serie de competicións anuais de modalidades deportivas tradicionais.

Tras asinar un convenio coa Federación Galega de Deportes Autóctonos, a TVG retransmitirá tres eventos anuais de cada unha destas prácticas, inicialmente por catro temporadas. Amais da emisión de billarda e chave, a Televisión de Galicia ten previsto achegar ao longo do ano outras competicións de xogos autóctonos tradicionais, como son torneos de fútbol gaélico, as mellores regatas da Liga galega de traiñeiras de cada tempada e as carreiras populares galegas máis destacadas, así como pezas elaboradas para os distintos espazos deportivos sobre outras disciplinas, como é o caso das regatas de vela que se celebren en Galicia. A TVG dá, deste xeito, un novo chanzo no seu apoio aos deportes minoritarios, coa intención de dar visibilidade e contribuír á recuperación destas prácticas galegas históricas.

Unha canle temática de deporte na fin de semana

A CRTVG destina gran parte da programación da fin de semana da G2 e do portal web a dar difusión ao maior número posible de disciplinas deportivas con presenza galega. Cun marcado perfil deportivo, a canle pública realiza un despregamento de equipos e medios sen comparación en ningún outro ente autonómico, nunha aposta histórica da CRTVG co deporte en Galicia pola proximidade coa audiencia, polo fomento do deporte base e, sobre todo, por dar visibilidade a prácticas minoritarias que promovan en Galicia unha verdadeira cultura do deporte.

Fuente Crtvg.es