A primeira xornada da Bandeira da Concha e a última proba do Campionato do Mundo de Motocrós, protagonistas esta fin de semana nos medios públicos galegos

0
22

Santiago, 02.09.2022.-    O fútbol, as traiñeiras e o motocrós serán protagonistas na intensa e variada oferta deportiva que os medios públicos galegos ofrecerán esta primeira fin de semana de setembro.

A primeira cita será o sábado ás 17.00 h, cando os espectadores da G2 asistirán en directo á ‘volta ao cole’ para o Coruxo F. C. e o C. D. Arenteiro no Vao. Comeza o curso de 2ª RFEF no feudo vigués cun derbi rexional entre dous equipos que viron cumpridos os seus obxectivos o curso pasado tras unha gran segunda parte do campionato e que agora queren comezar con bo pé desde o principio para non pasar apuros.

Tamén se ofrecerá, ás 19.30 h, a estrea na Primeira RFEF nesta liga 2022-23 do Deportivo da Coruña contra a Balompédica Linense. O Dépor xogará en Riazor ante unha afección que está desexando ter unha alegría, pero o rival non será nin moito menos unha comparsa. A ‘Balona’ xogará o seu segundo partido a domicilio neste inicio da competición, pero na primeira xornada xa demostrou que dará guerra en calquera campo empatando en Valdebebas ante o Castela, un dos mellores locais o ano pasado.

A xornada do domingo comezará con traiñeiras, coa primeira xornada dunha das regatas máis agardadas da temporada: a Bandeira da Concha, considerada a olimpíada do remo. Ás 11.00 h comezará a primeira xornada da proba feminina, para a que lograron o billete na clasificatoria do xoves Arraun Lagunak, Orio, Tolosaldea, Hibaika, Hondarribia, Cabo e Chapela, ás que se suma Donostiarra como clasificada automática.

A continuación, ás 12.00 h, tomarán a saída as embarcacións masculinas que chegaron nos sete primeiros postos da clasificatoria: Hondarribia, Zierbena, Orio, Getaria, Urdaibai, Kaiku y Ondarroa. Ningún dos representantes galegos conseguiu meterse na final, aínda que Cabo da Cruz, oitavo, quedou a só dous segundos.

Na mañá dominical, os espectadores tamén poderán seguir en directo a 18ª proba do Campionato de Mundo de Motocrós, que baixa o pano co MXGP de Turquía. O título xa está resolto en favor de Tim Gajser desde a cita de Finlandia, cando aínda quedaban dúas xornadas por diante, pero o circuíto turco de Afyonkarahisar será o que lle poña o ramo á competición. Coa coroa e o subcampionato decididos, o principal foco de atención será a pelexa polo terceiro posto entre o español Jorge Prado e o holandés Glenn Coldenhoff. O lucense, que se reencontrou co podio en Francia, conta con catro puntos de vantaxe respecto ao piloto de Yamaha a falta deste último evento da temporada. As dúas carreiras ofreceranse ás 13.00 e as 16.00 h, respectivamente.

A fin de semana deportiva rematará con fútbol. Ás 17.00 h estrearase na categoría de Segunda RFEF o Ourense C. F., a quen lle toca comezar na casa fronte ao Raio Cantabria, e ás 19.30 h xogarase na Malata o Rácing de Ferrol-R. M. Castela, correspondente á segunda xornada de liga na Primeira RFEF.

Fuente Crtvg.es