A Radio Galega deseña unha ampla despregadura no Deportivo-Alcorcón do sábado en Riazor

0
20

Santiago, 04.05.2023.-    As retransmisións deportivas desta fin de semana na Radio Galega comezan o venres pola noite coa primeira edición de ‘Galicia en Goles’. A partir das 20.30 h, o programa estará pendente dos partidos da LEB Ouro de baloncesto con protagonistas galegos: Cáceres-Básquet Coruña e Juaristi-Ourense. Tamén haberá cobertura no Manzanares-Noia, da Primeira División de fútbol sala.

O sábado, a partir das 15.00 h, a atención estará posta en Riazor, onde o Deportivo xoga ante o líder da Primeira Federación: o Alcorcón. A primeira hora, o programa conectará coa festa dos afeccionados nos exteriores do estadio, co micrófono sen fíos de Alfonso Núñez. Desde as 17.00 h, Javi Torres e Xosé Manuel Traba relatarán o que suceda sobre o terreo de xogo, co apoio na análise arbitral de Xabier Rodríguez Campos. Ao remate, os oíntes escoitarán a rolda de prensa do adestrador, Óscar Cano, e dos dous mellores xogadores, que aparecerán pola zona mixta. O Bouzas-Vilalbés, da semifinal de ascenso á Segunda RFEF, completa a oferta de retransmisións futbolísticas pola FM.

Mentres, os afeccionados ao baloncesto terán a narración íntegra de Raúl Villares e Roberto Anidos do Obradoiro-Granada, desde o Multiusos do Sar, nas plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes, ademais da aplicación para o móbil e as canles de audio da televisión posuidora dos dereitos, Movistar.

Ademais, ‘GaliciaEnXogo’ estará presente ás 13.00 h no concello de Bande, onde o deportista Nacho Fernández contará como está traballando para competir o próximo ano nos Xogos Paralímpicos de París. A segunda entrega do proxecto chegará ás 15.00 h, primeiro, coa actualidade das competicións electrónicas e, a continuación, coa última hora da proba de resistencia Gladiator Race, programada para o mes de xuño en Pontevedra.

Xa o domingo, os afeccionados ao deporte teñen unha maratón de retransmisións. Desde as 11.45 h, penúltima xornada da Segunda RFEF, xunto ao Talavera-Pontevedra de Primeira RFEF e o encontro de categoría feminina Deportivo-Juan Grande. O baloncesto escoitarase en radiogalega.gal, g24.gal/deportes, app e audios de Movistar, coa cobertura íntegra do Breogán-Murcia desde o Pazo de Lugo.

A partir das 15.00 h, a xornada continuará co Lugo-Andorra, da Segunda División profesional, que os espectadores de La Liga Smartbank seguirán coa emisión da Radio Galega nas opcións de audio do seu televisor. Na Primeira RFEF, o encontro máis destacado xogarase no Raíña Sofía, onde, dependendo do que pase o sábado en Riazor, o Rácing de Ferrol podería ter na man acceder ao liderado da categoría. Tamén xoga o Celta B, obrigado a derrotar o Fuenlabrada en Balaídos para intentar recuperar a quinta praza, que permite disputar a fase de ascenso. O Arousa-U. D. Ourense, polo ascenso a Segunda RFEF, chegará na última franxa horaria, coa clasificación para a final galega en xogo.

O ‘Galicia en Goles’ tamén cubrirá o histórico Antalya-Guardés, co título da European Cup en xogo. O equipo galego defende seis goles de renda, obtidos na ida na Sangriña, e está a 60 minutos de alcanzar un fito histórico para o balonmán galego: a conquista dun título continental. Roberto Carlos Carballo viaxa ata Turquía para retransmitir o partido de volta e trasladarlle á audiencia toda a emoción que rodea unha final de carácter internacional.

Cando remate a xornada, a partir das 23.00 h, o ‘Galicia en Goles’ recibirá a visita dos especialistas de ‘Ao Contraataque’, que analizarán os resultados dos equipos galegos ata as 01.00 h.

Fuente Crtvg.es