A Radio Galega pecha este luns a xornada de Liga cos partidos Celta-As Palmas e Espanyol-Rácing de Ferrol

0
26

Santiago, 02.10.2023.-    O calendario quere que os dous equipos galegos pechen esta noite a xornada da Liga de Fútbol Profesional. Así pois, a Radio Galega programa desde as 20:30 ata as 23:00 h unha edición especial de ‘Galicia en Goles’, acompañando o Celta nas Palmas e o Rácing de Ferrol en Cornellá.

O Celta visita a Unión Deportiva As Palmas co obxectivo de sumar a segunda vitoria da temporada. O empate do xoves ante o Alavés permitiulle saír do descenso, pero a mala imaxe ofrecida obriga a unha melloría no estadio Gran Canaria. A situación do equipo amarelo tamén é preocupante e quen perda caerá a zona de descenso á Segunda División.

Mentres, o Rácing de Ferrol xoga en Cornellá ante o Espanyol de Barcelona, un dos candidatos ao ascenso. Tras derrotar o Zaragoza na Malata, o cadro departamental afronta este cita nunha zona privilexiada da clasificación, sen ningún tipo de presión. Esta é unha semana intensa para os equipos de Segunda División, xa que hai xornada entre semana. De feito, o cadro verde volverá xogar o xoves na Malata ante o Amorebieta e o luns da próxima semana enfrontarase a outro dos grandes da Liga, o Levante.

A emisión do ‘Galicia en Goles’ chegará a través da FM, TDT, radiogalega.gal, g24.gal/rg-directo e tamén nas canles de audio dos operadores Gol, La Liga TV e La Liga Hypermotion. A partir das 23:00 h, o programa ‘Ao Contraataque’ ofrecerá en directo as roldas de prensa dos adestradores e falará cos mellores xogadores do Celta e do Rácing desde a zona mixta dos dous estadios.

Fuente Crtvg.es