A Radio Galega retransmite este martes desde o Camp Nou o partido Barça-Celta

0
24

Santiago, 09.05.2022.-    Esta semana vén chea de deporte na Radio Galega. O martes, desde as 20.30 h, a Radio Galega retransmite por FM o partido da antepenúltima xornada da Primeira División entre o F. C. Barcelona e o Celta de Vigo. Os dous equipos conseguiron o sábado cadanseus obxectivos: competir na Champions e garantir a permanencia matemática. Roberto Carlos Carballo viaxa ata a cidade condal para contar desde o Camp Nou os 90 minutos de xogo, co apoio de Víctor López e a análise dos adestradores Moncho Carnero e Jose Valtierra. A emisión chegará ata as 00.00 h para escoitar no último treito as roldas de prensa dos adestradores e as entrevistas aos mellores xogadores.

Ademais, os afeccionados ao baloncesto terán ocasión de escoitar o martes e o mércores os dous encontros dos equipos galegos na penúltima xornada da Liga ACB a través das webs radiogalega.gal e g24.gal. O martes, desde as 19.00 h, Raúl Villares transmite o Fuenlabrada-Breogán, cos comentarios do adestrador Carlos Cotovad. O mércores, a partir das 18.00 h, Alfonso Pardo narrará o Joventut-Obradoiro, xunto ao ‘pirata do basket’ Roberto Anidos.

O baloncesto volverá ser protagonista o venres, na edición de ‘Galicia en Goles’ que comeza ás 20.30 h na FM. O programa contará desde Riazor o partido da penúltima xornada da LEB Ouro entre o Básquet Coruña e o Castellón.

Xa na fin de semana, a audiencia da Radio Galega terá ampla información da xornada o sábado desde as 15.00 h co Lugo-Fuenlabrada, o Deportivo-Tudelano, o Breogán-Unicaja e o Obradoiro-Valencia como protagonistas. O domingo, a edición matinal, que comeza ás 11.45 h, narrará o peche da Segunda RFEF e o decisivo Badajoz-Celta B para entrar na fase de ascenso á Segunda LFP. Desde as 15.00 h a atención pasará polo Celta-Elxe, da Primeira LFP, e o Rácing de Ferrol-Athletic B da Primeira RFEF.

Fuente Crtvg.es