A Radio Galega retransmite este martes o decisivo Celta-Xirona desde Balaídos

0
19

Santiago, 22.05.2023.-    A Radio Galega ten este martes unha importante cita no estadio de Balaídos, onde a partir das 19.30 h se xoga o Celta-Xirona. O conxunto vigués atravesa por un dos peores momentos da temporada. É tal a preocupación na contorna que este partido equivale a unha final. Se o equipo olívico é quen de sumar os tres puntos, terá garantida a permanencia; o empate se cadra non é suficiente e a derrota condenaríao a sufrir ata a noite do domingo 4 de xuño, cando remate a competición.

A derrota en San Mamés deixa a salvación a catro puntos, xa que o Valladolid perdeu en Cádiz e o Xetafe só puido empatar no seu estadio ante o Elxe. Quedan nove puntos en xogo e en teoría a vantaxe debería ser suficiente, pero a dinámica do Celta desde a Semana Santa foi en descenso e existe o temor de que o equipo acabe anclado na cifra de 39 puntos.

Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo desde o estadio municipal de Balaídos, cos comentarios do xornalista Víctor López, o adestrador José Valtierra e o árbitro Xabier Rodríguez Campos. A emisión prolongarase ata as 22.00 h para escoitar en directo as comparencencias dos dous adestradores. A partir das 23.00 h, o programa ‘Ao Contraataque’ abrirá a mesa de debate cos especialistas para comentar o partido e o sucedido no resto da xornada.

Os espectadores de Movistar La Liga que teñan previsto seguir o Celta-Xirona poderán escoitar a emisión da Radio Galega a través das canles de audio do seu televisor.

Ademais, o martes e o mércores serán días de baloncesto, con cobertura da Radio Galega a través das plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes. Desde as 20.00 h, os afeccionados ao deporte da canastra poderán gozar das últimas retransmisións da temporada na Liga ACB. O martes, o Obradoiro despide o curso ante a súa afección no Sar recibindo o descendido Fuenlabrada, mentres que o Breogán visita o mércores a complicada pista do Valencia.

Fuente Crtvg.es