A Radio Galega retransmite este mércores desde Belgrado a previa do Breogán na Champions

0
28

Santiago, 20.09.2022.-    Este mércores, a Radio Galega ofrece unha edición especial do programa ‘Galicia en Goles’ para contar desde Belgrado o primeiro partido da fase de clasificación para a Champions de baloncesto da temporada 22-23. O Breogán de Lugo regresa a unha competición europea 37 anos despois e faino viaxando a Belgrado, onde terá que pasar tres eliminatorias para acceder á fase regular.

O primeiro rival para o equipo galego é o Meridian, que xoga ante a súa afección na emblemática Sala Pionir. Se gaña, disputaría o venres a segunda rolda ante o Opava da República Checa e, no caso de vencer, disputaría a final na tarde do domingo. Só o campión ten dereito a disputar a competición da Champions.

Alfonso Pardo é o enviado especial da Radio Galega e xa desde hoxe martes estará cos protagonistas na previa do encontro a partir das 23.00 h no programa ‘Ao Contraataque’.

O mércores é o día D e haberá conexións durante a mañá, no ‘Galicia por Diante’ e nos Deportes de ‘A Crónica’, ás 14.45 h. Desde as 19.45 h, Paco Santos conducirá a retransmisión do Breogán-Meridian ata as 22.00 h e, a partir das 23.00 h, Pedro Pablo Alonso abrirá ‘Ao Contraataque’ cos xogadores máis destacados.

O Breogán chega a esta cita europea tras conquistar o sábado en Ourense unha nova edición da Copa Galicia ante o eterno rival, o Obradoiro. Na primeira participación europea, na década dos 80, xogou a desaparecida Copa Korac, chegando a disputar seis encontros, en non logrou ningunha vitoria.

Fuente Crtvg.es